Se xulgan a Laura Bugalho, xúlgannos a todas

Laura Bugalho na entrega dos premios Nicolás Salmerón de Dereitos Humanos © Premio Nicolás Salmerón

Este mércores 16 está chamada a declarar nos xulgados de Compostela Laura Bugalho, que en 2009 foi acusada de falsidade documental continuada no seu labor de axuda a persoas migrantes. Porén, para entender mellor todo o proceso se cadra hai que ir un chisco máis atrás: até 2009 e a Operación Peregrino, moi ben explicada por Diagonal. Laura Bugalho axudou a sacar á luz esta trama, pola que 57 persoas de orixe marroquí foran traídas a España coa promesa dun emprego despois de teren abonado dez mil euros. En principio o seu destino foi Andalucía, pero algúns deles chegaron a Galicia para traballar na industria do metal en condicións de ilegalidade. 

Laura sostén que neste grupo de persoas que se dedicaban a introducir persoas no Estado a cambio de cartos había algún membro do Grupo de Extranxeiría da comisaría de Compostela e que cando ela mesma foi detida lle chegaron a confesar que aquilo era "unha vinganza". De feito, a partir da Operación Peregrino a activista comezou a sufrir un forte acoso policial e estrañas circunstancias que ela non cre que foran casuais, coma un asalto á súa casa. Daquela catro inmigrantes denunciaron a Bugalho por facilitarlles documentación falsa e foi detida durante dous días, e o ordenador do seu despacho na CIG, confiscado. Dese ordenador a policía obtivo os datos de 15 persoas migrantes que foron citadas a declarar sen orde xudicial e ameazadas coa súa expulsión se non a denunciaban, segundo explica a propia Laura Bugalho. Agora, oito desas persoas están imputadas no caso.

"O peor é que na súa persecución contra min están atacando tamén estas persoas", di Laura, que afirma estar "tranquila" e "esperanzada" en que se faga xustiza. Laura repite que "a miña detención foi debida a que colaborei cos compañeiros estafados na denuncia e iso incomodou a quen ten posibilidades de complicar a vida de calquera. O seu obxectivo era paralizarme, pero o meu compromiso é inquebrantábel". E salienta a solidariedade recibida: "estou recibindo un apoio moi importante por parte moitas persoas e colectivos de Galiza, do resto do Estado e tamén de fóra, en especial dende paises latinoamericanos: está habendo unha mobilización importante da esquerda en América ao redor deste caso".

Laura leva anos estando en todas as loitas e defendendo ademais que todas as loitas son a mesma

Efectivamente, un día si e outro tamén, chegan novas mostras de solidariedade dende todos os puntos do mundo. Por suposto dende os colectivos de apoio ás persoas migrantes e tamén dende colectivos feministas ou de loita polos dereitos das persoas transexuais. Porque Laura leva anos estando en todas as loitas e defendendo ademais que todas as loitas son a mesma. Hai unhas semanas afirmaba a este respecto nunha entrevista na revista Pikara que “non pode ser que cada cal loite pola súa pequena parcela se o campo é todo noso”.

Activistas en Bilbao amosan o seu apoio a Laura Bugalho Dominio Público Praza Pública
Laura Bugalho na entrega dos premios Nicolás Salmerón de Dereitos Humanos © Premio Nicolás Salmerón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.