"Internet pode inspirar unha nova política á altura da complexidade do noso mundo"

Margarita Padilla CC-BY-SA Interferencias

Margarita Padilla pertence a esa escasa minoría de mulleres que crea e mantén sistemas, e gústalle dicir que traballa "facendo Internet". Sempre xunto a outros e outras, dispérsase entre soster Dabne, a súa empresa cooperativa dedicada a facer a web con software libre; pensar que raios é "o mercado", atendendo a súa tenda de SofwareAlPeso no mercado de San Fernando, dedicada a apoiar o uso de software libre e a reciclar computadores; facer amizades coas que pensar o mundo, organizando Login_presenciais; practicar a "filosofía de garaxe" facendo radio en Una línea sobre el mar; atender ás súas familias e gozar delas, ou pensar que é loitar, despois de que te derrotasen. En decembro de 2012 publicou El kit de la lucha en Internet (editorial Traficantes de Sueños, pdf dispoñible na ligazón).

Na introdución ao libro que acabas de publicar, afirmas con rotundidade que "toda persoa ou grupo que loite pola transformación social ten a obriga de comprender a especificidade de Internet no que a procesos sociais se refire, xa que esta especificidade desborda o técnico e contamina o social", como se xustifica esa "obriga"?

Creo que Internet pode inspirar unha nova política á altura da complexidade do mundo en que vivimos. Axudarnos a saír deste impasse.

A que impasse te refires?

Por unha banda, temos a política dos políticos que segue o código goberno-oposición (coa cidadanía como espectadora). Ese código non está feito para solucionar ningún dos problemas que temos como sociedade. Máis ben ao contrario. O seu obxectivo por riba de todo é o control e o poder. Os problemas son só pretextos para atacar ao outro e porme eu. A complexidade e magnitude das cuestións ás que nos enfrontamos (desde a crise económica até a crise ambiental) require unha implicación activa do 99%. Non estar todos de acordo ou unidos, pero si activos e cooperando. Iso é imposible nunha política dividida en partidos que seleccionan da realidade só o que lles interesa e prexudica ao contrario, no curto prazo dos catros anos dunha lexislatura. Necesitamos outra lóxica, outra cultura política.

Podería ser a dos movementos sociais?

"As asembleas funcionan moi ben cando se autoorganizan persoas que comparten unha mesma escala de valores, unha mesma experiencia e unha mesma cultura"

Non de todo, por iso digo que estamos nun impasse. Modestamente, participei e participo en movementos sociais e vexo que as súas formas de organización só funcionan en condicións de simplicidade. Por exemplo, a asemblea. As asembleas funcionan moi ben cando se autoorganizan persoas que comparten unha mesma escala de valores, unha mesma experiencia e unha mesma cultura. É unha forma de organización moi potente xurdidas noutras condicións históricas e sociais e noutras utopías. O meu pai sempre dicía: a vida antes era máis dura, pero tamén máis simple. Agora a complexidade é moi elevada. Non podemos cambiar as cousas con formas de organización e de horizontalidade creadas para outras conxunturas. Hai que asumir moita incerteza para pensar e preparar o cambio tan grande que necesitamos. E iso dá medo, a min tamén.

Por que pensas que Internet pode axudarnos a saír do impasse?

Internet dános unha experiencia de rede a gran escala. Trato de caracterizala con tres compoñentes: ambigüidade, incontrolabilidade e apertura. Internet é ambigua porque non foi deseñada para ningún uso particular e, por tanto, pode permitilos todos. É incontrolable, porque a intelixencia e a capacidade de acción están en cada un dos nodos que a compoñen. E é aberta porque, por unha banda, calquera que teña os coñecementos pode ler o seu código fonte e, por outro, calquera que funcione como rede pode conectarse inmediatamente. Ambigüidade, incontrolabilidade e apertura son tres características da experiencia de rede. Parécenme moi inspiradoras para pensar a política máis alá do eixo esquerda/dereita, máis alá da idea de que sempre ha de haber un centro director e máis alá das ideas pechadas ou excluíntes da comunidade.

Se che parece, imos por partes. É difícil entender a potencia do ambiguo, do que pode permitir varios usos...

"Wikileaks fai público e abundante un recurso privatizado que é a información. Pero iso só ten sentido se outras redes lle dan uso"

Explícocho a partir dun exemplo: Wikileaks. Wikileaks fai público e abundante un recurso privatizado que é a información. Pero iso só ten sentido se outras redes lle dan uso. Os cablegates sobre a morte de José Couso ou a orixe da Lei Sinde só cobran sentido se hai quen os inteprete e utilice. Wikileaks lanza unha ferramenta que pode ser útil, pero non se solidariza coa plataforma por José Couso ou coa loita contra a Lei Sinde. E ao revés: a plataforma por José Couso ou a loita pola Lei Sinde poden usar os cablegates de Wikileaks sen ter a Julien Assange por heroe. É dicir, en Internet podes cooperar con descoñecidos ou con diferentes. É a lóxica P2P: un non sabe de quen está baixando o material, con que motivación se compartiu, se o outro é de esquerdas ou de dereitas. Internet edúcanos na cooperación con descoñecidos e diferentes.

No teu libro, Wikileaks é un exemplo clave todo o tempo, por que?

Wikileaks é un dispositivo moi de rede: un dispositivo inacabado. O sentido do que fai téñeno que completar os demais. Na dirección que sexa, porque Wikileaks permite acabamentos distintos e mesmo antagónicos (diferentes lecturas dos cablegates, etc.). Iso non é moi frecuente. O máis habitual é o contrario: pechar para controlar. Pero así se fai rede. E de volta a rede prémiate. Wikileaks recibe afectos e solidariedades de experiencias moi distintas. Por exemplo, de Anonymous. Anonymous é punto por punto o contrario de Wikileaks: non ten líderes, é anónimo e distribuído, etc. Pero apoia a Wikileaks fronte á represión. Adoitamos solidarizarnos con quen pensa o mesmo que nós, pero en Internet é distinto: hai diferenzas, pero non bloques.

A experiencia de rede ensínanos entón a renunciar ao control.

"Se estás de acordo coa liberdade de expresión, alguén pode levarche a contraria"

Se estás de acordo coa liberdade de expresión, alguén pode levarche a contraria. Se participas nunha asemblea horizontal, quizá non se faga o que ti queres. Pero estás a contribuír a unha lóxica e unha cultura superior. Pois coa rede pasa igual: é unha lóxica e unha cultura superior, aínda que poida reverterche algo que non che guste. A lóxica de poder e control, que define a política dos políticos, é o que ameaza con botar a perder o mundo.

Imos coa segunda característica da experiencia de rede: incontrolabilidade.

Refírome a que a intelixencia dunha rede está en cada un dos nodos que a compoñen. Por iso fálase de intelixencia colectiva. Crer na rede significa confiar na intelixencia dos nodos, querer a súa autonomía. Recoñecer a autonomía e a intelixencia do que non es ti. E esa confianza que dás vólveche, porque vives coa confianza de que outros que non son coma ti están a traballar por coidar e soster o que é común a todos. Entre todos coidamos de todo, é moi distinto a que uns poucos velen pola totalidade.

Explícame mellor a diferenza.

Nunha rede non hai un lugar central desde onde vexas todo. Non está feita para ver todo. As prácticas dos movementos sociais aínda funcionan demasiado con esa idea de totalidade: a asemblea percíbese a si mesma como un centro da autoorganización, o militante sente a si mesmo como responsable de todo, etc. Son prácticas moi potentes, pero pagas o prezo da simplificación porque só funcionan en condicións de homoxeneidade. E onde non hai complexidade non hai vida, iso ensina a ciencia. Internet está a educarnos noutra experiencia, onde non hai centro nin todo, vangarda nin retagarda. Wikileaks non vai por diante da plataforma por José Couso nin por detrás. Non se trata de ir diante ou detrás, senón de facer rede.

E como se fai rede?

"Facer rede pasa por baleirar o centro e recoñecer a intelixencia e a autonomía dos extremos"

Facer rede pasa por baleirar o centro e recoñecer a intelixencia e a autonomía dos extremos. Facer rede é pór en contacto outras persoas entre si, colaborar con descoñecidos e diferentes. Facer rede é compartir os procesos, non só os resultados, e recoñecer as contribucións dos demais. Facer rede, en definitiva, é ser xeneroso, pero non só cos da túa propia corda, senón co 99%.

En Internet non hai centro, pero si hai referencias moi importantes, non?

Hai liderados, si, e persoas moi influentes. Pero o seu poder é moi diferente do poder dunha burocracia sindical, por exemplo. É un poder sen poder. Por dicilo no estilo dos zapatistas: "mandan obedecendo". Lembremos o "Manifesto polos dereitos fundamentais en Internet". Escribírono unha serie de blogueiros, tivo unha repercusión enorme nas redes sociais e a ministra Sinde chamounos para falar ou negociar. Os que foron a aquela reunión son xente de moito prestixio en Internet, pero se teñen ese prestixio é precisamente porque son capaces de ir dicirlle á ministra o que se dicía en Internet. A min iso paréceme moi ben, tiñan toda a miña confianza aínda que ninguén lles votou. O seu discurso era moi incluínte, como o propio "Manifesto...". E se a un deles lle subisen os fumes á cabeza e negociase non sei que coa ministra, o 99% organizado en rede encargouse de fulminalo en menos de 24 horas. Nunha rede pode haber representación sen cesión de soberanía. Nada que ver coa dirección dun sindicato.

Todos os nodos son iguais, pero hai uns máis iguais que outros.

Certo. Internet non está feita para a igualdade e iso implica riscos e problemas. Eu sempre poño o seguinte exemplo: se hai un incendio, podemos actuar de varios modos. Ou acordamos en asemblea como organizar a evacuación, ou nomeamos un coordinador que a organice e obedecémoslle... Ou sálvese quen poida. Internet é un sálvese quen poida. Asúmese que todo o mundo ten a intelixencia para decidir cal é a mellor opción para si e que ten autonomía para executala. Pero se hai xente en cadeira de rodas, anciáns ou nenos, pois se cadra morren. Un "sálvese quen poida" non garante o salvamento de todo o mundo. En Internet non todos somos iguais: hai distintos graos de cultura, de conectividade, de tempo, etc. Hai desigualdades enormes. Internet non está feita para que deixe de haber desigualdades, non lle pidamos o que non nos pode dar. Pero con todo, non podemos loitar contra as desigualdades sen Internet, xa que este produce cambios na distribución do poder que está a producir esas desigualdades, e podemos aproveitar eses cambios nun sentido liberador. Ese é o paradoxo.

Falas de que a terceira característica da experiencia de rede é a apertura.

"Podes participar no movemento pola cultura libre e tamén nunha acción de Anonymous. En Internet hai abundancia, non escaseza"

As comunidades que funcionan en rede non son pechadas e excluíntes. Podes conectarte e desconectarte. E non só iso: podes conectarte e desconectarte a varias á vez. Lembro as manifestacións do movemento antiglobalización: había que elixir entre ir cos non violentos ou cos que practicaban guerrilla urbana. Iso non se dá en Internet. Podes participar no movemento pola cultura libre e tamén nunha acción de Anonymous. En Internet hai abundancia, non escaseza. Podes ter identidades múltiples. Podes ser disidente de ti mesmo. Hai unha compoñente de anonimato que o fai posible: é máis fácil ter sete identidades en Twitter que ir a unha manifestación con disfrace de pallaso. Ten menos custos, menos riscos, pero non é menos real nin menos útil. Esa experiencia pódenos axudar a imaxinar formas de participación política máis abertas e flexibles.

Pero con esas formas flexibles de compromiso é posible construír algún tipo de organización?

Claro que si. Hoxe óuvese dicir por todas partes: "é necesario organizarse". E eu estou de acordo, pero tamén hai que reimaxinar a organización: unha organización dispersa, con moitas canles e moitas capas. Internet pode servirnos de inspiración. Permítenos pensar a organización en termos de circulación. E a articulación en termos de comunicación. A ubicuidade e disidencia de que falabamos antes tamén constrúen organización: os arcos entre os nodos son as persoas que circulan. Ese compromiso flexible que dis tamén achega ao seu modo. Por exemplo, podes estar sen demasiado compromiso nunha lista de correo pero mandar información, sacala, movela. As acampadas como idea de organización non xurdiron dun grupo moi sisudo ou moi militante, senón da comunicación.

Que queres dicir?

Como é posible que en cuestión de dous ou tres días aflorasen decenas de acampadas idénticas por todas partes? Aquilo parecían as vainas da invasión dos ultracorpos. En serio, o que sucedeu é incrible e aínda non o pensamos nin entendemos. Como se copiou a idea? Tiñamos a imaxe da Praza Tahrir, pero por que prendeu esa imaxe e non outra? Hai algo persoal, afectivo, emocional, inconsciente moi forte funcionando aí. Unha corrente sensible de empatía. Un fluxo de comunicación descoñecido e incontrolable que crea diálogo político sen pasar polos lugares codificados como políticos. De Tahrir a Sol, de Sol a Syntagma, de Syntagma a Zuccotti... Creouse un movemento internacional sen internacionais, é alucinante. Pero non é un movemento espontáneo. No noso día a día as ideas circulan, sentimos parte de algo común, recoñecémonos en horizontes compartidos, non tiramos cada cal polo seu lado. Xa estamos organizados. O que pasa é que non sabemos como. E quizá sexa mellor que non o saibamos, para que ninguén poida controlalo.

Durante toda a entrevista usaches a palabra "inspirar". Dis que Internet pode servirnos de "inspiración". Por que utilizas esa palabra?

Isto é moi importante. Internet pódenos inspirar, pero non se pode calcar porque o mundo material e o inmaterial son dúas físicas diferentes. Cada unha coas súas leis. Unha cousa, por exemplo, é unha manifestación na rúa e outra moi distinta un swarming ("enxamio") para ciberbloquear unha web. Na manifestación hai corpos, os corpos ocupan un espazo, cansan, pódense danar. Nunha manifestación podes quedar sen ollo e nun ciberbloqueo non. Non son diferenzas menores. Pero despois de vivir un swarming quizais desexes outro tipo de manifestación, onde non todo estea previsto de antemán, onde se requira a activación da xente sen forzala, onde o sentido se constrúa entre todos sobre o terreo. A este tipo de inspiración me refiro. Lembro manifestacións da V de Vivenda que foron bastante así. Hai moito que experimentar aínda neses modelos híbridos entre o mundo dos bits e o mundo dos átomos.

Entón o cambio social non pode vir só de Internet?

Hai que experimentar a potencia do encontro físico, como comprobamos todos o 15-M

Non, ten que facerse cos corpos. Hai que saír á rúa a manifestarse, hai que conseguir comida para quen non ten, parar desafiuzamentos, protexer aos sen papeis... E tamén hai que experimentar a potencia do encontro físico, como comprobamos todos o 15-M. Esa alegría... O que nos dá Internet é outra experiencia do mundo. Unha experiencia gozosa de abundancia, cooperación, creatividade, autoría... Creo que esa experiencia influíu en que moita xente fose ás prazas e non vise o outro simplemente como alguén que te pisa ou molesta, senón como un cómplice potencial. A experiencia de rede é un pouco como o LSD nos anos 60: unha experiencia distinta, irreal pero real, que permanece na túa memoria porque o que experimentaches experimentáchelo realmente: a capacidade de conversar con descoñecidos, de traspasar fronteiras, de autotransformarte, de crear con facilidade, etc.

Internet ten a función que tiña a utopía nos anos 60?

A experiencia da rede pode axudarnos a superar esquemas de pensamento político que non nos serven hoxe: o código goberno-oposición da política dos políticos, a dicotomía esquerda/dereita, as formas de organización que só funcionan en condicións de moita homoxeneidade, etc. Pero non é unha utopía, nin é a solución automática a todos os problemas. Especialmente todo o relativo ás desigualdades é un desafío non resolto. Internet sérvenos para modificar a situación que temos agora, pero ten outros problemas que haberá que pensar tamén. Non é o ideal.

Posdata de Margarita Padilla:

Relendo a entrevista, paréceme que as miñas intuicións poden soar ás veces demasiado nítidas, demasiado concluíntes. Aínda que creo firmemente que nos movemos entre prácticas caducas e que Internet pode inspirar e axudar a vencer o medo a finiquitalas, hai que estar alerta e seguir escoitando e pensando sobre a marcha. Por esa razón, creo que unha boa prolongación desta entrevista é a conversa online ao redor destes temas que, con ocasión da publicación do Kit de la lucha por Traficantes de Sueños, terá lugar o vindeiro martes 15 ás 19.30. Será unha conversa con todos os que queirades participar, mandando preguntas de antemán ou participando no mesmo momento. Tes toda a información sobre como facelo aquí. Gustaríame que fose un momento para seguir pensando xuntos.

Margarita Padilla CC-BY-SA Interferencias

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.