A costa virou negra dez anos despois

Ducias de papaventos negros voaron na liña de costa da praia do Rostro CC-BY-SA Certo Xornal

Algo máis de dez anos despois da catástrofe do Prestige unha liña negra volveu cubrir a liña de costa na praia do Rostro, en Fisterra. A acción do artista mallorquín Martí Monjo fixo voar este sábado 45 papaventos -coa axuda doutros tantos voluntarios e voluntarias- nunha xornada de sol invernal. O obxectivo era tamén lembrar o traballo realizado hai unha década polos milleiros de persoas que de forma desinteresada se achegaron daquela ás praias galegas para colaborar na súa limpeza. Na mente de Monjo estaba tamén a cadea humana que naquel inverno de 2003 se realizou na costa galega e da que dentro duns días -o 22 de xaneiro- fará unha década.

Os papaventos foron deseñados polo propio Monjo e tiñan un tamaño de 1,20 metros cadrados, fabricados cun poliester negro que emula o chapapote. Monjo explica que os papaventos negros son unha "metáfora da loita da xente contra todas as dificultades coas que atopaba a xente que limpaba as praias comezando polo vento". E engade que "os papaventos preséntanse aquí como esculturas móbiles e xeradoras de espazo, na súa condición de marcar e atrapar dito espazo. E a idea de marcar este espazo, o límite da costa, serve tamén como referencia á gran cadea humana que se realizou aquel 22 de xaneiro do 2003".

Fotografias de Certo.es

Os papaventos voando CC-BY-SA Certo Xornal
Os papaventos voando CC-BY-SA Certo Xornal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.