A SGHN alerta dos efectos da rotura da futura balsa de Corcoesto

Balsa de residuos de Aznalcóllar © asreig

O 25 de abril de 1998, unha balsa de residuos de metais pesados moi contaminantes, procedentes dunha mina da empresa sueca Boliden-Apirsa, situada na localidade de Aznalcóllar -Sevilla- rachou, deixando escapar centos de litros de lodos e líquidos que foron freados ás portas do Parque de Doñana. A zona quedou contaminada indefinidamente, aínda que nela se creou un espazo de protección e a empresa foi sentenciada a pagar 45 millóns de euros de indemnizacións que, non obstante, se nega a aboar.

A SGHN pide que no caso de non desbotarse o proxecto, se esixa a elaboración dun novo Estudio de Impacto Ambiental que inclúa unha simulación dos peores accidentes posibles

A Sociedade Galega de Hístoria Natural alerta dos efectos que na zona de Corcoesto tería a rotura das balsas de residuos que acompañarán á proxectada mina de ouro e advirte de que os efectos serían máis graves que os que se sufriron en Andalucía. A SGHN vén de solicitarlle ao Presidente da Xunta de Galicia que, en aplicación do principio de cautela se anule a Declaración de Impacto Ambiental positiva para o proxecto mineiro de Edgewater Exploration Ltd en Corcoesto ou, no caso de non desbotarse o proxecto, que se esixa a elaboración dun novo Estudio de Impacto Ambiental que inclúa unha simulación dos peores accidentes posibles. Ademais, pide que que se esixa á empresa a contratación dun seguro de responsabilidade civil, nunha compañía de seguros radicada na Unión Europea e suxeita á lexislación da UE, para facer fronte a todos os danos previsibles de acordo coa dita simulación. A SGHN estima que o importe mínimo de dito seguro de responsabilidade civil debería ser duns 300 ou 350 millóns de euros.

 

Un verquido que duplicaría o de Aznalcóllar

A entidade basea a súa análise na comparación das estruturas das balsas de Aznalcóllar e Corcoesto e dos seus entornos. A rotura da balsa de Aznalcollar provocou o verquido de 2 millóns de m3 de lodos e 4 millóns de m3 de augas ácedas, que xeraron unha onda de 3,94 m de altura cun caudal punta de 811 m3/s. A rotura da balsa de Corcoesto, cunha capacidade de 11 millóns de m3, podería liberar un volume de lodos e augas dúas veces maior que o verquido de Aznalcóllar, segundo a SGHNco agravante de que en Corcoesto a altura máxima do dique da balsa sería 3 veces maior (85 m fronte a 27), a cota máxima respecto ao nivel do mar sería 171 m máis alta (238 m snm fronte a 67 m snm), a distancia ao esteiro sería menos da terceira parte (15 km e 51 km) e o desnivel entre a cota máxima da balsa e o esteiro sería 12 veces maior (15,9 m/km fronte a 1,3 m/km).

A SGHN alerta de que en Corcoesto habería "un risco potencial dun verquido que duplicase en volume ao de Aznalcóllar e xerase unha onda de lodos e augas tóxicas considerablemente máis alta e máis rápida e, polo tanto, máis destructiva"

A SGHN alerta de que en Corcoesto habería "un risco potencial dun verquido que duplicase en volume ao de Aznalcóllar e xerase unha onda de lodos e augas tóxicas considerablemente máis alta e máis rápida e, polo tanto, máis destructiva". Ademais explica que entre a balsa de lodos de Corcoesto e as poboacións máis importantes augas abaixo (Anllóns Grande e Ponteceso) hai dúas pequenas presas hidroeléctricas (as de Corcoesto e Anllóns) "e non está avaliado se resistirían ou non o embate da enorme onda de auga e lodo. Se as presas estoupasen, incrementaríase aínda máis o caudal e a altura da avenida".

De estar chea cando rebentase, os 11,1 millóns de m3 (uns 17 millóns de toneladas) de lodos das balsas mineiras poderían cubrir cunha capa de lodos de 2,84 m de altura as 392 ha que ten o esteiro do Anllóns entre a última ponte en Ponteceso e a Illa Tiñosa, segundo a SGHN, e de 45 cm de altura as 2.447 ha que teñen en conxunto a ría de Corme-Laxe e o esteiro do Anllóns dende a última ponte en Ponteceso ata unha liña recta que una os faros de Punta Roncudo e Laxe.

Balsa de residuos de Aznalcóllar © asreig
Imaxe do desastre de Aznalcóllar © Ecologistas en Acción

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.