"Queren levar o ouro e deixar os velenos. A Xunta quere subvencionalos"

Gráfico que recolle as magnitudes que moverá a mina de ouro de Corcoesto © SGHN

A SGHN continúa debullando as características do proxecto mineiro de Corcoesto. Nesta ocasión céntrase nos refugallos e substancias nocivas que a extracción do mineral deixaría na zona. A Sociedade Galega de Historia Natural explica que para obter as 34 toneladas de ouro previstas a mina producirá 122 millóns de toneladas de entullos e ao redor de 17 millóns de toneladas de residuos. Entre eles algúns tan perigosos coma o cianuro, que superará as catro mil toneladas.

A SGHN salienta que no estudo de impacto ambiental "bendecido pola Declaración de Impacto Ambiental positiva da Xunta de Galicia", Edgewater Exploration "quítalle toda importancia ao impacto dos residuos mineiros" dicindo que “o contido en metais pesados que teñan os estériles da mina é o contido natural que ten o subsolo do emprazamento. Os estériles de mina non sufriron máis tratamento que unha disgregación por voadura ou machúqueo”.

Porén, o colectivo ambientalista explica que para extraer o ouro das rochas, Edgwater Exploration prevé moelas ata un tamaño inferior a 100 micras (milésimas de milímetro), é dicir, "o que se denomina area moi fina ou, para entendernos mellor, máis ou menos como a fariña que todos coñecemos". E que esta fariña se mesturará coa auga de chuvia "e irá parar aos mananciais e ao río Anllóns". A SGHN engade que "os máis de 17 millóns de toneladas de residuos nas balsas mineiras conterán como mínimo 8.437 toneladas de arsénico tan finamente moído que será, cando menos, 10.000 veces máis soluble nas augas que antes da mina".

A SGHN denuncia finalmente o apoio achegado pola Xunta a este proxecto e a súa intención declarada de declaralo "proxecto industrial estratéxico", polo que non quedaria suxeito á licenza urbanística municipal e acadaría "prevalencia sobre outras utilidades públicas", ademais de realizar todos os trámites -tamén as expropiacións- por vía de urxencia.

Gráfico que recolle as magnitudes que moverá a mina de ouro de Corcoesto © SGHN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.