Plataformas cidadás de Irixo e comarca organízanse contra a incineradora

Dominio Público Praza Pública

O proxecto de instalación dunha incineradora no Irixo levou a que nos últimos meses se organizasen plataformas de cidadáns críticos e preocupados cos efectos que a planta poida ter na saúde dos habitantes da comarca e noutras actividades produtivas. O ambiente social en cada vila, sobre todo no propio Irixo, vólvese máis tenso.

“O ambiente social no Irixo está sendo moi duro, familias que se enfrontan con familias. Este foi o nadal máis triste no Irixo, porque hai temas que non podes sacar nunha conversa diante dos teus veciños, entras nun bar e notas tensión. É máis triste isto que que veña a planta incineradora”. Fala Xosé Castro, un dos voceiros da coordinadora veciñal oposta ao proxecto. Irixo, un concello rural e agrogandeiro de menos de dous mil habitantes, con núcleos pequenos e diseminados, e unha grande extensión territorial, vive esas semanas un ambiente de confrontación entre os partidarios da planta, encabezados polo alcalde, Manuel Penedo Paradela, e os contrarios á mesma, que inzaron as distintas parroquias de pintadas e faixas alusivas.

En concreto, Alberto González, outro dos voceiros veciñais, afirma que “a maioría da xente do Irixo non quere a incineradora. Abonda con estar alí e falar cos veciños. Se tan seguro está o alcalde, que faga un referendo. E no resto da comarca a xente tamén está en contra, como se viu na manifestación do domingo, á que asistiu por exemplo o alcalde do Carballiño, do PP”. Penedo Paradela defende, pola súa banda, que a maioría dos veciños están a favor do proxecto e que os críticos son só unha minoría.

Alberto González afirma a este respecto que a principal razón para instalar a planta no Irixo foi que “pensaron que non ían ter ningún tipo de contestación social. Se o obxectivo fose aforrar custes, habería que instalar esta planta cerca do lugar onde se produce máis lixo no sur, é dicir, en Vigo”.

As dúbidas e críticas dos veciños opostos á planta céntranse na escasa información que -denuncian- teñen sobre os plans de construción da incineradora, que aínda non conta cun proxecto público e o medo aos efectos contaminantes: “hai unha cuestión moi importante riba da mesa que é sempre a mesma: vaise facer un vertedoiro ou non se vai facer? Fomos a unha xuntanza co conselleiro e confirmounos que vai haber vertedoiro. E iso trae o problema dos lixiviados, gaivotas...”.

Nun momento de crise económica, desemprego e despoboación dos concellos rurais, resulta moi gorentoso para un concello coma o Irixo a promesa da creación de 250 postos de traballo directos e, segundo o alcalde, outros 250  indirectos, ligados á propia planta, ao vertedoiro que a acompañaría e outras empresas ligadas á xestión de residuos. Porén, a coordinadora veciñal oposta ao proxecto denuncia que, se ben hai 115 persoas no paro no Irixo, hai unhas 500 vivindo do campo, "pode que lle deamos traballo a esas cen persoas, pero imos enviar ao paro a esas outras cincocentas, porque a planta vai ser moi negativa para as súas producións. Pero non só no Irixo; imos enviar ao paro aos de Piñor de Cea, aos de Lalín, aos do Carballiño... Tamén o turismo vai baixar”.

O debate social existente no Irixo reprodúcese noutros concellos da comarca, comezando por Lalín e O Carballiño, onde tamén se crearon senllas plataformas veciñais. O debate esténdese ao interior dos partidos, principalmente o Partido Popular, con alcaldes a favor do proxecto (Irixo, Boborás...) e en contra (O Carballiño) e outros, coma o de Lalín, que o ano pasado pugnaron por afastar a planta do seu núcleo (estaba prevista a instalación en Dozón) e que agora manteñen unha posición ambigua, á espera de que o proxecto se defina.

A presión social nestes dous concellos, os máis grandes da zona e moi próximos ao lugar no que se pretende instalar a planta (dez quilómetros en liña recta) parece fundamental para o futuro da mesma, sobre todo pola actitude que poidan amosar os rexidores populares dunha e outra vila.

Nos vindeiros días, Praza publicará entrevistas con voceiros destas plataformas e doutras, coma as que en anos anteriores se mobilizaron na comarca do Ribeiro contra o proxecto de instalación dunha planta de xestión de residuos en Carballeda. Ademais da presión social, o futuro da incineradora dirimirase tamén no aspecto legal, sobre todo ligado ás denuncias presentadas por distintos grupos pola contaminación de conducións de augas termais ou pola existencia de petroglifos na zona.

 

O plan para a instalación da planta prevé a súa construción nun monte comunal próximo ao parque eólico do Irixo CC-BY-SA Plataforma Incineradora no Irixo non
CC-BY-SA Xosé Bocixa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.