Os médicos da Coruña rebélanse ante os "inadmisibles" recortes dunha Xunta "irresponsable"

Instalacións do Sergas nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública

Os profesionais sanitarios volven rebelarse ante os recortes da Xunta. Logo de que os sindicatos médicos acusaran a Feijóo de "pasar a liña vermella" cos axustes, agora é o Colexio Oficial de Médicos da Coruña o que emite un duro comunicado no que cualifica de "irresponsables" as medidas levadas a cabo polo Goberno galego, como a redución salarial do 4% aos funcionarios anunciado este venres, e no que aseguran que é "ética e moralmente reprobable manter o irracional aparato administrativo do Estado e o indecente número de cargos públicos a conta da saúde pública dos cidadáns".

A través dun comunicado titulado Así non, e colgado na súa páxina web, os médicos colexiados da Coruña amosan o seu "enérxico rexeitamento" ao novo recorte salarial aos empregados públicos, que supón "un novo descenso nos soldos dos médicos" que, en menos dun ano, "xa foron recortados en máis dun 20%. Ademais, os profesionais sanitarios consideran "reprobable" a forma na que se adoptou esta medida, "de costas aos profesionais".

O comunicado critica que os recortes se fagan "de costas aos profesionais" sanitarios

O Colexio Oficial de Médicos lembra que sempre apostou polo "diálogo, a responsabilidade, a profesionalidade e a lealdade" nas súas relacións coa Administración Sanitaria, trasladándolle propostas de solución aos problemas -como o documento presentado a Feijóo hai dúas semanas- que foron respondidas "cun novo recorte salarial sen terse antes adoptado reformas que ataquen a cerna dos males do sistema". "Non somos partidarios de recortes fáciles e alleos a unha cuestión irrenunciable: dar unha atención de calidade ao paciente".

Así, os médicos cren que "chegou o momento" de que os responsables políticos "anuncien o déficit do Sergas e os seus males", en lugar de "especular coas cifras". "Que nos digan a verdade sobre a débeda e que nos conten onde está o problema", reivindican, tras insistir en que é "totalmente inadmisible" que se recorte "na Sanidade sen antes adoptar medidas drásticas noutras estruturas políticas e administrativas do Estado". "Goberno central, autonomías, deputacións, concellos e multitude de organismos acollen unha inxente cantidade de cargos e asesores que viven a costa do erario público", lembran.

Os médicos denuncian que as súas propostas de solución son respondidas con recortes e piden á Xunta que "anuncie o déficit do Sergas e identifique os seus males"

Por último, o comunicado da xunta directiva do Colexio cualifica de "irresponsable e de falta de coraxe política" a actuación dos que gobernan, malia o que aseguran que se "reafirman" no seu compromiso "coa calidade do acto médico, cos paciente e coa sociedade no seu conxunto". "Tamén en crise, estaremos á altura do que nos demanden os cidadáns", rematan.

 

Profesionais dun hospital público galego © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.