AGE reclama no peche de Gondomar que se investigue pola vía penal os responsables das caixas

Peche no caixeiro de Gondomar © Plataforma de Afectados pola Preferentes

AGE defende levar os responsables das caixas pola vía penal porque será "a única maneira de que os responsables realmente respondan polo que fixeron"

Tres deputados de AGE -Juan Manuel Fajardo, Consuelo Martínez e Eva Solla- pasaron a noite deste xoves no caixeiro de NGB en Gondomar no que dende hai semanas un grupo de afectados pola estafa das preferentes denuncia a súa situación. Previamente, Xosé Manuel Beiras achegárase até o lugar para coñecer de primeira man a situación a amosar o seu apoio as peersoas que realizan esta protesta en defensa dos aforros que teñen retidos na entidade.

O voceiro de AGE anunciou que a formacion está a "artellar unha loxística" para defender o colectivo pola vía xudícial habida conta dos continuos obstáculos que se lles colocan os afectados polas preferentes e das novas dificultades no acceso á xustiza motivadas pola reforma de Gallardón. Beiras engadiu que non é xusto que "cada un de vos teña que defenderse por separado". AGE defende levar os responsables das caixas pola vía penal porque será "a única maneira de que os responsables realmente respondan polo que fixeron" aínda que é consciente de que "co aparello xurídico que está montado é difícil promover algo que poda ir adiante na vía penal".

Beiras denunciou tamén a "falta de respeto" amosada polo presidente da Xunta, ante as protestas dos afectados no Parlamento ao que acusou de "pouco menos que rir" do que estaba sucedendo

Beiras referiuse ademais a actitude do Goberno galego, a quen lle demandou que non se desentenda deste tema e ao que advertiu que de non facelo "tamén serán delincuentes". Beiras denunciou tamén a "falta de respeto" amosada polo presidente da Xunta, ante as protestas dos afectados no Parlamento ao que acusou de "pouco menos que rir" do que estaba sucedendo. Finalmente, o voceiro parlamentario de AGE lembrou o carácter de institucións de economía social das caixas: "Estaban para axudar á xente, ás pequenas empresas e as familias, pero non con fins de lucro, por iso había obra social".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.