Unha consulta de xinecoloxía para case 80.000 mulleres

Centro de especialidades do Ventorrilo, no que se atopa o COF Dominio Público Nemigo

O Centro de Orientación Familiar (COF) do barrio coruñés do Ventorrillo é unha referencia na asistencia en materia de anticoncepción, asesoramento afectivo-sexual e problemáticas de parella e familiares, entre outras. Inaugurado en 1981, foi o primeiro da provincia e nel traballan na actualidade un xinecólogo, unha enfermeira, unha traballadora social experta en educación sexual e planificación familiar e mais unha auxiliar de clínica. Todas estas persoas temen seriamente polo futuro deste labor asistencial. A razón é que a xubilación do xinecólogo é "inminente" e, advirte o persoal, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) non prevé cubrir a súa praza, eliminación que, moi probablemente, traerá consigo o peche e o traslado da actividade ao outro COF da cidade. 

Ademais da evidente "perda de persoal con máis de trinta anos de experiencia" este posible peche, alertan dende o COF do Ventorrilo, daría lugar á total saturación do outro centro, o de Orillamar, que ten asignados os concellos da Coruña, Oleiros, Sada, Cambre e Carral ou, o que é o mesmo, un total de 90.834 mulleres de entre 15 e 54 anos, segundo datos do Instituto Galego de Estatística. A esta cifra sumaríanse as 62.000 mulleres da mesma franxa de idade que habitan nos trinta e dous municipios da provincia que ata agora son responsabilidade do Ventorrillo. Así as cousas, máis de 152.000 mulleres estarían atendidas por dous profesionais da xinecoloxía, que terían cadanseus 80.000 potenciais pacientes.

A OMS sinala que "para esta poboación tería que haber, como mínimo, un terceiro centro"

Esta saturación non é unha opinión máis ou menos subxectiva do persoal afectado. Ben ao contrario, explican, a Federación de Centros de Planificación Familiar e a Organización Mundial da Saúde sinalan que "para esta poboación tería que haber, como mínimo, un terceiro centro que atendese este elevado número de usuarias e usuarios", xa que ademais das mulleres ao COF tamén acoden homes con outro tipo de problemáticas afectivas, sexuais ou familiares. "Isto quere dicir -explican- que se actualmente, con dous centros, a lista de espera é de entre tres meses e un ano, cun só centro non é difícil imaxinar que unha porcentaxe moi alta das mulleres ficarían abocadas a acudir, as que poidan, a unha consulta privada". "E as que non poidan?", pregúntanse.

En Galicia é legalmente obrigatorio dende 2009 que a Xunta financie a antiabortista Red Madre

A posible desaparición do centro e a prolongación das listas de espera pode ser percibida como aínda máis delicada cando os traballadores e traballadoras debullan o seu labor diario, a saber: "atención inmediata das interrupcións legais do embarazo, a instauración rápida do método anticonceptivo, dos seus efectos secundarios e complicacións, a atención da problemática afectivo-sexual da parella" e "labores educativos". Esta eventual retallada produciríase nun contexto no que, dende o ano 2009, en Galicia é legalmente obrigatorio que a Xunta financie as actividades da denominada Red Madre, a plataforma creada polo Foro Español de la Familia creada por unha iniciativa lexislativa popular que só tivo apoio do PP. Isto implica, por exemplo, que estes centros ligados á ultraconservadora entidade antiabortista asuman parte das funcións que antes desenvolvían profesionais dos centros Quérote.

Centro de especialidades do Ventorrilo, no que se atopa o COF Dominio Público Nemigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.