Os traballadores dos Paradores continúan a súa folga e denuncian a "inhibición" da Xunta

Concentrarción ante o Parador de Ferrol © http://artabra21.blogspot.com

A primeira xornada de folga nos Paradores contra o ERE que se prepara desde a dirección da empresa pública tivo seguimento do 90% en Galicia. A gran maioría dos empregados estiveron ademais concentrados ao longo de todo o día xunto aos establecementos. Rexeitan o despedimento de 85 persoas en Galicia (dun total de 450 empregados indefinidos), co peche definitivo dos establecementos de Ferrol e Verín e o parcial, de 5 meses ao ano, nos de Tui, Vilalba, Monforte e Santo Estevo. Isto obrigará a 119 traballadores destes centros a pasar os seus contratos de indefinidos a fixos descontinuos, coas repercusións que esa modificación ten para os seus ingresos e cotizacións.

A secretaria de Estado de Turismo, Isabel Borrego, valoraba a xornada de folga como "unha irresponsabilidade", xa que a situación económica dos paradores españois "é moi difícil" e, ao seu xuízo, os sindicatos "terían que loitar pola conservación dos postos de traballo e non polos en perigo".

O Parador de Ferrol carece de dirección dende hai meses, pois o director do Hostal dos Reis Católicos se ocupa tamén da dos paradores de Ferrol e Vilalba

Os traballadores e traballadoras denuncian en primeiro lugar que boa parte dos establecementos que se pretende pechar teñen beneficios. O de Baiona, por exemplo, gañou ao redor dun millón de euros o pasado ano. De igual xeito os 30 traballadores e traballadoras do Parador de Ferrol consideran que os niveis de ocupación do Parador de Ferrol -un 60%- non xustifican a medida. Durante o pasado 2011, o Parador de Ferrol vendeu 7.862 habitacións e no que vai de ano facturáronse 7.531. E iso a pesar de que o centro carece de dirección dende hai meses, pois o director do Hostal dos Reis Católicos se ocupa tamén da dos paradores de Ferrol e Vilalba.

Os traballadores denuncia tamén a “inhibición” da Xunta, que afirma que non ten notificación oficial do peche e limitase a expresar a súa esperanza en que a iniciativa privada sexa quen de garantir a supervivencia dos Paradores

Os traballadores denuncia tamén a “inhibición” da Xunta, que afirma que non ten notificación oficial do peche e limitase a expresar a súa esperanza en que a iniciativa privada sexa quen de garantir a supervivencia dos Paradores. Neste senso o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, achegouse este venres até onde se atopaban concentrados os traballadores do Parador de Monterrei para trasladarlles o seu “apoio” e dicirlles que a iniciativa privada pode solucionar a situación. Na concentración participaron a deputada socialista Laura Seara, o senador Miguel Fidalgo e o secretario provincial do PSdeG-PSOE Raúl Fernández. Pola súa banda, o deputado do PSdeG Xosé Antonio Sánchez Bugallo considerou "un escándalo" o plan de viabilidade de Paradores que "castiga especialmente" a Galicia, Alternativa Galega de Esquerda presentou o martes unha iniciativa para que a Xunta de Galicia interveña na súa defensa. No texto pregúntase se o goberno de Núñez Feijóo coñecía os plans da rede pública de hospedaxe e que ten previsto facer.

Concentrarción ante o Parador de Ferrol © http://artabra21.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.