O xuíz que denunciou a Callón pídelle 15.000 euros polas "veces que saen en Google" as súas críticas

Callón, ante os xulgados coas persoas que acudiron a apoialo CC-BY-NC-SA BNG

"Kafkiano" ou "disparatado". Son algúns dos cualificativos que o presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, dá en atopar para definir o proceso xudicial ao que se enfrontou na mañá deste venres como consecuencia da denuncia do ex xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián. O maxistrado demandou a Callón por reprocharlle que se gabase publicamente de empregar a "ilegalidade" de La Coruña para referirse á cidade coruñesa en documentos oficiais e agora, tras chegar a xuízo, a acusación reclámalle 15.300 euros de multa calculados a través dunha curiosa vía: o buscador de internet Google.

En conversa con Praza Pública Callón explica que a acusación explicou durante o xuízo, "nunha actitude de perdoavidas", que inicialmente "valorara pedir 650.000 euros", estimados a partir "da difusión" do diario La Voz de Galicia , que recolleu o reproche do presidente d'A Mesa ao xuíz. Pero, finalmente, decidiron reclamar "1,5 euros por cada vez que aparece en Google" a frase "no tengo ningún rubor en usar la ilegalidad La Coruña". Isto dá lugar a 15.000 euros, máis o custo do propio xuízo.

"Decidiron reclamar 1,5 euros por cada vez que aparece en Google a frase 'no tengo ningún rubor en usar la ilegalidad La Coruña"

"Isto xa sobrepasa calquera racionalidade mínima", di Callón, tanto polos métodos para chegar á cantidade reclamada como, máis aínda, polo feito de estar a ser xulgado "polas miñas declaracións defendendo a Lei de Normalización Lingüística". O caso, afirma, é especialmente grave porque "son a terceira persoa denunciada por este xuíz" por "defender a lingua galega". Antes, di, estiveron no mesmo caso Eduardo Álvarez -tamén membro d'A Mesa- e o deputado do BNG Carlos Aymerich. "Vai denunciar a calquera persoa que defenda a Lei de Normalización? A calquera que lle lembre que a única forma oficial do topónimo é A Coruña?", pregúntase.

Neste contexto, e tendo en conta ademais que mesmo a Fiscalía "pediu que se arquivase" o caso, Carlos Callón agarda "que se faga xustiza" e que, polo tanto, se produza o arquivo. Do mesmo xeito, coida que o xuízo debe ser un xeito de aguilloar o Goberno galego para que "atenda o que está a pasar e que tome medidas para que deixen de producirse discriminacións por defender a lei". Así e todo, e no medio da desagradable situación, Callón agradece "todas as mostras de apoio" recibidas durante as últimas semanas e tamén ante os propios xulgados, chegadas de diversas organizacións e de formacións políticas como o BNG e Compromiso por Galicia, sinala.

Callón, ante os xulgados coas persoas que acudiron a apoialo CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.