"El arranxou a súa vida pero segue maltratándome, agora economicamente"

Acto simbólico da Marcha Mundial das Mulleres CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

"Eu fun unha muller matratada durante vinte e catro anos de matrimonio, el arranxou a súa vida e segue maltratándome economicamente". Quen fala é Celia [nome figurado]. Tras máis de dúas décadas sufrindo a violencia machista en primeira persoa xuntou valor para liberarse. "Alentei un pouco e chamei á Policía" nun momento no que "eu xa me vía morta se non marchaba de alí". O acceso ao "salario da liberdade -as axudas implantadas pola Xunta en 2006 para as vítimas sen recursos económicos- e a un piso parcialmente sufragado pola Administración permitiulle iniciar un camiño novo e difícil, pero non liberarse doutra dura carga: as débedas contraídas polo seu agresor mentres estivo casada con el.

"Eu marchei cunha maleta e co meu fillo" mentres se iniciaba un proceso xudicial que derivou no encarceramento do maltratador, que xa saíu da cadea. El, explica, "tivo unha empresa" da que "era administrador único" con amplos impagamentos á Seguridade Social "que eu non sabía nin que existían". Ademais, ten un crédito bancario pendente de pagamento. "Eu, durante o matrimonio, non podía dicir nada, non tiña voz nin voto porque me caía unha hostia e calaba a boca", ilustra con crueza. Por este motivo, ela foi situada como corresponsable de todas as débedas. "El pode pagar pero, legalmente, non ten nada" porque "puxo todo ao nome da súa nai" e "díxome, literalmente: non pago porque non me sae dos collóns".

"Estou hipotecada de por vida por culpa dun desgraciado que me maltratou", cargando con débedas contraídas "cando eu non tiña capacidade de decidir"

Por todo isto, dos 1.000 euros do seu salario cada mes saen 120 para a renda do piso protexido polo Goberno, e "outros 120 para as débedas". "O que sobrepaso o salario mínimo estanmo embargando para as débedas del, que son miñas porque estiven casada con el". Co restante ten que se manter ela e facer o propio cun dos seus dous fillos, aínda menor de idade, e sen poder dispoñer de ningunha das propiedades adquiridas durante o matrimonio, porque tamén foron mudadas de titular legal polo agresor. "Eu quedei sen un céntimo" por culpa das operacións realizadas nuns anos nos que "a psicóloga me di que eu non tiña capacidade de decidir". "Moita xente pregunta por que estiven esperando tantos anos" ao carón "dun maltratador". "Parece incrible, pero ata que saímos diso é como unha droga" que provoca "que che pareza que non vales para nada, que te anula completamente como persoa".

Neste contexto, Celia subliña que o seu non é un caso illado e alza a voz para que a lei non "protexa" a quen maltrata. "Eu quedo na rúa e pago as súas débedas mentre ri de min; estou hipotecada de por vida por culpa dun desgraciado que me maltratou e quere seguirme maltratando toda a vida". Cómpre que estas situacións saian á luz, di, en conversa con Praza Pública: "aínda que para min xa non valla para nada", evidencia, cómpre que as autoridades "pensen" o que é "estar toda unha vida levándoas" e o que iso implica á hora de non poder intervir en ningunha decisión, tampouco nas económicas: "levábame e dicíame: asina, ou senón levas unhas hostias". "Eu, con dous fillos pequenos, víame perdida". "Pero agora, non", advirte, e "teño moitas ganas de dicirlle ao mundo" que se están a producir situacións coma esta.

 

Acto simbólico da Marcha Mundial das Mulleres CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.