Colectivos sociais e oposición esixen a marcha de Jesús Vázquez tras o pau xudicial ao decreto

Manifestación a prol do ensino en galego CC-BY-NC-SA Queremos Galego

"A forza do noso amor non foi inútil". O presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, readaptaba este venres o verso de Uxío Novoneyra para manifestar a súa "ledicia" pola sentenza coa que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) invalida algúns dos aspectos "nucleares" do denominado decreto do plurilingüismo, como son a consulta ás familias para determinar a lingua do ensino infantil ou a posibilidade de que o alumnado non empregue o idioma no que se imparten as diversas materias. Os ditames xudiciais que xorden dos recursos da propia Mesa, da CIG-Ensino e de Queremos Galego converten a norma "nun decreto zombie" e dan lugar a que o galego deba regresar aos primeiros niveis educativos. Diso, di, A Mesa informará directamente aos centros de ensino.

Ante a "demagoxia e a manipulación do PP" que, a través do Goberno galego, "insulta ata intelixencia dun gato" ao dicir que o alto tribunal "avala" a súa normativa, a organización en defensa da lingua "dirixirase aos centros de infantil, en especial aos das sete cidades galegas", para facerlles chegar  a sentenza íntegra e animalos a "incluír" xa unha presenza "normal" do galego no seu horario lectivo. Trátase, explica, de que, cando menos, a lingua propia de Galicia "non sexa menos que o inglés" nas aulas do país, especialmente nas urbanas. Non en van, lembra, os últimos datos dispoñibles revelan que o galego foi "varrido" destes niveis educativos nas cidades en máis dun 95% dos centros.

A Mesa pide que Vázquez non recunque "polos seus discursos contrarios ao noso idioma" e porque "non ten capacidade de diálogo"

Á marxe desta campaña informativa nos colexios Callón congratúlase especialmente de que o TSXG veña desmontar a "mentira de la imposición del gallego" que "o PP leva repetindo" nos últimos anos. O Tribunal, subliña, declara "ilegais" non só as enquisas "trampulleiras" que realmente eran "votacións" encubertas, senón que tamén bota por terra a "suposta liberdade" de que os alumnos e alumnas ignoren o idioma no que se imparten as materias. "As materias non se imparten nun idioma para que o profesorado practique", constata.

Por todo isto A Mesa reclama a inmediata aplicación da sentenza nun contexto no que "a Alberto Núñez Feijóo só lle queda un camiño digno: a inmediata derrogación deste decreto e retomar a normalización lingüística e o diálogo", unha interlocución para a que Callón non ve capacitado ao actual conselleiro de Educación en funcións, Jesús Vázquez. Neste sentido, o presidente d'A Mesa coida que sería "un grave erro" que Vázquez recunque na consellería tras a formación do novo Goberno de Feijóo, non só polos seus "discursos contrarios á promoción do noso idioma", senón precisamente porque "non ten capacidade de diálogo" para reconducir a situación.

Prolingua e a Cgednl piden á Xunta que "reflexione" e cambie a súa política lingüística

Ademais, Prolingua considera que a sentenza do TSXG concédelle á Xunta "unha estupenda oportunidade" para derogar o decreto do plurilingüismo, así como para que "cesen das súas responsabilidades" os "responsables políticos" da aplicación desta norma. Alejandro Tobar, voceiro da plataforma, cre que a Xustiza vén de dar "un pau" á política "negacionista e galegófoba" do Goberno galego e da súa "apoloxía do non saber". Ademais, Tobar pregúntase se o Executivo "vai seguir as recomendacións que lle dan o Consello de Europa ou o propio Tribunal Superior", se o galego "vai seguir estando excluído" das materias de ciencia ou "como se vai artellar agora a proporción da lingua galega" no sistema educativo.

Pola súa banda, a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (Cgendl) di "alegrarse" pola sentenza do TSXG e lembra que a instauración dunha "enquisa caprichosa" e do propio decreto provocou que o galego "estea desterrado do ámbito urbano" ou que "as competencias activas dos cativos en lingua galega sexan cada vez peores". "Pedimos á Xunta que reflexione e planifiquen a política lingüística para que se logre o obxectivo fundamental, que non é outro que os rapaces saian da escola cunha competencia activa total nas dúas linguas, algo que non acontece", di Valentina Formoso, coordinadora da Cgednl.

BNG e AGE reclaman o retorno ao Plan Xeral de Normalización

Na necesidade de derrogación do decreto e da marcha de Jesús Vázquez coincide tamén o BNG, formación política que forma parte de Queremos Galego. En opinión do portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, a sentenza do TSXG é "unha moi boa noticia para a lingua galega" xa que "nos dá a razón aos que queremos galego". Por iso, di o nacionalista, cómpre eas "inmediata derrogación do decreto" e non só que Jesús Vázquez non recunque no cargo, senón que cese nel de inmediato. "O Goberno Feijóo debe asumir responsabilidades pola súa política agresiva contra a lingua galega, agora sancionada tamén polo poder xudicial", di.

PSdeG e BNG coinciden e que a consellería de Educación debe mudar de titular tras a sentenza

Neste contexto, o BNG coida que é o momento de "abrir un proceso" que conduza a "unha nova lexislación do uso do galego no ensino" que "coloque a nosa lingua en pé de igualdade co español nas aulas". Para isto, di, o PP debe "retornar ao consenso que existiu" na aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que recibiu o aval de todo o Parlamento no ano 2004. Ese consenso, lembra Guillerme Vázquez, "rachouno unilateralmente" o PP "ao aprobar a primeira lexislación da historia do país que supuña un paso atrás" no rango do galego nas aulas.

Nun sentido semellante o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, considera que o "soplo de aire fresco" que supón a sentenza para "quen defendeu" que o decreto do plurilingüismo "non era o camiño" ten que "servir" para que Jesús Vázquez "non volva ser conselleiro", xa que "pilotou un proceso absolutamente erróneo, traumático, convulso e que fixo dano a todos", tanto ao alumnado como a "todos os que lle queren ao galego" e á política en xeral. "Hai unha boa ocasión para que se produza un cambio e o presidente non se empecine en manter como máximo representante dun dos sinais de identidade de Galicia á mesma persoa", resolve o socialista".

Ademais, o grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) esixe tamén a "derogación do decreto" e a volta "ao consenso unánime existente antes de que chegasen os galegófobos lingüísticos do Goberno Feijóo". Ademais, solicita "a dimisión de Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo, membros integrantes da brigada de demolición lingüística e cultural que ideou o decreto do plurilingüismo definitivamente invalidado". Pola súa banda, Compromiso por Galicia pide que a Xunta "derrogue sen tardanza" unha norma "argallada contra o idioma galego" e que elabore unha nova "consensuada coas demais forzas políticas e co apoio unánime da comunidade educativa".

Callón avalía a sentenza ante a prensa CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.