O Consello de Europa volve pedir máis protección para o galego

Manifestación a prol do ensino en galego CC-BY-NC-SA Queremos Galego

O Consello de Europa pide unha maior protección para a lingua galega. Tan só un mes despois de que un informe do organismo censurara con claridade a política lingüística da Xunta, á que acusaba de "reducir progresivamente o ensino en galego en todos os niveis, así como a súa estrutura de apoio", a entidade volve solicitar protección para o idioma, ao igual que para o catalán e o éuscaro.

A situación do galego avalíase agora tamén á hora de comprobar o cumprimento do Convenio Marco para a Protección das Minorías Nacionais

Este novo apoio do Consello de Europa chega logo da avaliación do Convenio Marco para a Protección das Minorías Nacionais, tras a que se insta as administracións do Estado a que dialoguen coas entidades defensoras das linguas cooficiais en España e na que se reclama unha maior protección para estes idiomas. Precisamente, unha desas entidades, A Mesa pola Normalización Lingüística, colaborou no feito de que a situación do galego fose considerada na devandita avaliación sobre un convenio que España ratificou en 1995, pero que nunca se centrara no idioma galego, que agora si se inclúe entre os protexidos por ese tratado internacional.

Xa que logo, ademais da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, o Convenio Marco para a Protección das Minoría Nacionais -cuxo cumprimento é avaliado polo Consello de Europa-, convértese nun instrumento máis para a defensa dos dereitos lingüísticos dos galegofalantes e que, segundo o propio organismo europeo, non están para nada asegurados. O membro do comité de expertos do Consello de Europa, Alberto López Basaguren, asegurara nunha entrevista a Praza que "a opción" en Galicia ante o incumprimento destes tratados internacionais non era outra que "pór de relevancia que se incumpren e poñer as autoridades ante o compromiso político de xustificarse ante a cidadanía". "A experiencia demostra que, aínda necesitando tempo, este tipo de instrumentos acaban tendo importantes efectos", dicía.

"O Estatuto de Autonomía e a protección da Carta Europea non exclúe que o galego se beneficie dunha protección adicional e complementaria”

Neste último relatorio do Convenio, o Consello de Europa critica que desde o Estado español non se queira ofrecer o amparo que para os pobos e culturas galega, catalá e vasca supón este tratado internacional. "Aínda que teñan estatutos de autonomía e a protección da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, iso non exclúe que se beneficien dunha protección adicional e complementaria”, asegura, tras incidir tamén en que o Convenio "debería proporcionar protección adicional para as súas identidades específicas, particularmente no ámbito do ensino e no dos medios de comunicación" onde, segundo se di, "as dificultades específicas foron comprobadas". Ademais, o texto fai referencia ao caso dos territorios falantes de galego que pertencen administrativamente a Asturias e Castela e León.

"Rajoy e Feijóo deben abrir ben as orellas, escoitar e cumprir cos tratados internacionais", di A Mesa

O presidente da Mesa, Carlos Callón, reclama así que “Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo abran ben as orellas e escoiten” e, “con maior énfase”, e demanda que o novo Goberno da Xunta “rectifique as desfeitas que el mesmo fixo nestes anos e pase a cumprir cos tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos”.

Carlos Callón mantivera unha reunión en decembro de 2011 co Comité do Consello de Europa para o Convenio Marco para a Protección das Minoría Nacionais: Rainer Hoffman (presidente), Olga Butkevych e Aliona Grossu (vogais). Segundo A Mesa, "os representantes do Consello amosáranse moi interesados no caso galego e trasladaran o seu especial abraio porque en Galicia se prohiban os modelos educativos nucleados na lingua propia". "Isto é algo que non se produce en ningún outro estado que subscribise, com o español, ese tratado interncional", lembra o colectivo, que recorda que "nin tan sequera en Francia existe esa prohibición que si acontece en Galicia desde que goberna Alberto Núñez Feijóo".

Manifestación a prol do ensino en galego CC-BY-NC-SA Queremos Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.