Piden a retirada dos derradeiros símbolos franquistas de Pontevedra

Escudo da Delegación Nacional de Sindicatos en Compostela CC-BY Rozavales

A Asociación Cultural A Revira presentará este 20 de novembro, aniversario da morte do ditador Francisco Franco, un escrito no Concello para pedir que se retiren os últimos símbolos franquistas na cidade de Pontevedra. Demandan o cumprimento da Lei de Memoria Histórica e a conseguinte supresión de varias placas da Delegación Nacional de Sindicatos e un escudo franquista co lema Una Grande Libre na rúa Michelena. A Revira explica que "afortunadamente a cidade conta com poucos símbolos franquistas, em comparaçom com o que acontece noutras urbes galegas, mas é tempo já de proceder à definitiva eliminaçom destes vergonhentos resíduos do totalitarismo".

O colectivo lembra que "a eliminaçom destes símbolos nom só representa um acto de higiene democrática que já chega muitos anos tarde, senom que é umha obriga legal que tenhem as administraçons públicas, segundo afirma o artigo 15 da Lei de Memoria Histórica aprovada no ano 2007". Ademais, A Revira organizará o vindeiro 6 de decembro un roteiro urbano sobre a represión franquista na cidade, dentro das actividades do seu IX aniversario, "coa intención de afondar no coñecemento histórico deste negro periodo". A Revira pretende contribuir "á reivindicaçom das liberdades e à necessária concienciaçom contra a ameaça fascista, que sempre retorna em tempos de crise profunda como os que vivemos".

Escudo da Delegación Nacional de Sindicatos en Compostela CC-BY Rozavales

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.