"A ciencia fala, os políticos non escoitan"

Faixa dos colectivos que se concentraron na primeira xornada do encontro © SEO/BirdLife

Vigo acolle ao longo desta semana as reunións do Panel Intergobernamental de Cambio Climático. Un total de 81 expertos de 56 países enchen os hoteis da cidade debaten os efectos do cambio climático e as propostas para reverter esta situación. Neste días traballarán na revisión do borrador do quinto informe, que verá a luz en abril de 2014, centrado nas cuestións económicas e tecnolóxicas e revisaranse os preto de 16.000 comentarios achegados polos 600 expertos que revisaron o primeiro borrador.

Os responsables deste grupo destacaron que, pese á situación de crise económica, “as emisións de gases que provocan efecto invernadoiro seguen en aumento”, o que quere dicir que “non se está no camiño adecuado e non se están conseguindo os obxectivos desexados”

Os responsables deste grupo destacaron que, pese á situación de crise económica, “as emisións de gases que provocan efecto invernadoiro seguen en aumento”, o que quere dicir que “non se está no camiño adecuado e non se están conseguindo os obxectivos desexados”. Este incremento das emisións débese ao aumento do uso do carbón. 

O que se presentará en 2014 será o quinto informe. O primeiro, en 1990, tivo un papel decisivo na creación da Convención Marco de Nacións Unidas sobre Cambio Climático. O segundo, de 1995, proporcionou información científica clave para a adopción do Protocolo de Kioto en 1997. O terceiro, publicado en 2001, insistiu na necesidade dun novo protocolo para integrar os países que representan o maior nivel de emisións e non están presentes en Kioto. O cuarto, de 2007, amosaba evidencias suficientes para afirmar que o quentamento do sistema climático é inequívoco e establece como causa probable as actividades humanas.

 

"Mudemos o sistema, non o clima"

Denunciaron a pasividade política fronte ao “maior problema do planeta” e continuidade dun modelo petroleo-dependente

Coincidindo coa primeira sesión das reunión do IPCC en Vigo, distintos colectivos sociais e ambientalistas concentráronse para pedirlles aos gobernos que escoiten as recomendación dos expertos que esixen unha redución das emisións contaminantes. As dúas mensaxes máis repetidas foron "a ciencia fala, os políticos non escoitan" e "mudemos o sistema, non o clima". Con dúas pancartas despregadas no exterior do Centro Social Novacaixagalicia Coalición Clima, Amigos da Terra, Verdegaia, Adega, SGHN, CC OO, SEO/BirdLife, Greenpeace e Ecologistas en Acción denunciaron a pasividade política fronte ao “maior problema do planeta” e continuidade dun modelo petroleo-dependente. 

Tom Kucharz pediu un cambio no modelo económico, unha aposta polas enerxías renovables, mudanzas nas políticas agrarias e deixar atrás o sistema consumista

Tom Kucharz, o portavoz deste grupo, lembrou que os países do norte son os responsables deste situación e os que deben poñerlle fin cambiando o modelo económico, apostando polas enerxías renovables, deixando de subvencionar as empresas máis contaminantes, mudando as políticas agrarias e deixando atrás un sistema consumista. Segundo indicou, “estamos aquí apoiando a ciencia e agardamos que esta reunión do IPCC sirva para romper o silencio”. "O furacán Sandy volve demostrarnos que loitar pola xustiza climática non é un luxo en tempos de crise se non unha necesidade urxente", asegurou Kucharz. 

No último informe, publicado en 2007, o IPCC sinalaba que a muzanza climática é "inequívoca" e alertaba de que se non se avanza con urxencia nas políticas de redución, as emisións mundiais de GEE seguirán aumentando e agravando os efectos da mudanza climática. No eido internacional, segundo os denunciantes, os gobernos dos países industrializados desoíron as advertencias da ciencia, adiando ano tras ano o acordo que permita reducir as emisións e frear, así, a mudanza climática.

 

A situación empeora en Galicia e España

Estes colectivos acusan o Goberno español de non tomar medidas para avanzar cara un futuro baixo en emisións e de poñerlles freo "ás enerxías renovables, á rehabilitación de edificios e incrementando a dependencia enerxética dos combustibles fósiles e dos sectores industriais máis contaminantes"

Estes colectivos acusan o Goberno español de non tomar medidas para avanzar cara un futuro baixo en emisións e de poñerlles freo "ás enerxías renovables, á rehabilitación de edificios e incrementando a dependencia enerxética dos combustibles fósiles e dos sectores industriais máis contaminantes (e menos xeradores de emprego), que non só estancan a redución de emisións estatais, se non que as incrementan". Conclúen que o Estado está lonxe de cumprir o Protocolo de Kioto, pois malia a redución na actividade económica e no transporte debidos á crise, as emisións de CO2 incrementáronse un 0,1% respecto do ano anterior. En Galicia, a situación non é mellor, alertan, cunhas emisións equivalentes a 10 toneladas de CO2 por habitante e a central térmica de carbón de ciclo combinado de Endesa en As Pontes emitindo por si soa 6,81 millóns de toneladas anuais.

Concentración diante da xuntanza do IPCC © Amigos da Terra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.