80 papaventos negros lembrarán nas praias da Costa da Morte a catástrofe do Prestige

Fragmento dun dos cartaces que promocionan o evento CC-BY-NC Marti Monjo

Cando un pensa na catástrofe do Prestige, dez anos despois, son moitas as imaxes que veñen á mente. Algunhas delas teñen que ver coas praias da Costa da Morte, o negro do chapapote, o vento que zoaba sen descanso ou a acción dos alumnos e alumnas dos centros de ensino que debuxaron na area a palabra vida. Este imaxinario está detrás da iniciativa que o artista mallorquín Martí Monjo vai levar a cabo na primeira semana de xaneiro.

"Cumpríase o décimo aniversario da catástrofe e vimos que non se estaban organizando demasiadas actividades para lembrar o que sucedera"

Trátase de voar 80 papaventos negros nas praias do Rostro (Fisterra), do Coido (Muxia) e de Traba (Laxe) para lembrar o décimo aniversario da catástrofe do Prestige e como homenaxe os milleiros de voluntarios e voluntarias que se chegaron á costa para limpar rochas e praias. "Isto xurdiu este verán", conta, "cumpríase o décimo aniversario da catástrofe e vimos que non se estaban organizando demasiadas actividades para lembrar o que sucedera".

Martí Monjo xa traballou noutras ocasións con papaventos e leva moitas semanas tentando organizar a acción. Polo momento acadou o apoio de Nunca Máis pero escasa colaboración nos Concellos da Costa da Morte aos que lles solicitou axuda. Busca, polo tanto, voluntarios e voluntarias para voar os papaventos (teñen que ser 80, claro) e tamén para coselos. Explica que os papaventos negros son unha "metáfora da loita da xente contra todas as dificultades coas que atopaba a xente que limpaba as praias comezando polo vento". E engade que "os papaventos preséntanse aquí como esculturas móbiles e xeradoras de espazo, na súa condición de marcar e atrapar dito espazo. E a idea de marcar este espazo, o límite da costa, serve tamén como referencia á gran cadea humana que se realizou aquel 22 de xaneiro do 2003".

Polo de agora está confirmada a acción en Fisterra o 5 de xaneiro. E nas vindeiras semanas espera poder pechar as citas de Laxe (4 de xaneiro) e Muxia (3 de xaneiro) e noutras praias se ao final o número de voluntarios é maior. Os e as interesadas en participar poden poñerse en contacto con el a través do seu blog e tamén nun grupo de Facebook.

Cartaz do evento CC-BY-NC Marti Monjo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.