A Mesa e Prolingua piden a absolución dos procesados por manifestarse contra Galicia Bilingüe

Rosa Díez, nunha manifestación de Galicia Bilingüe CC-BY-SA Manuel Vilas

A Mesa pola Normalización Lingüística e Prolingua emitiron na mañá deste luns sendos comunicados de apoio aos procesados po manifestarse contra Galicia Bilingüe o 8 de febreiro de 2009 en Compostela. O xuízo, que chega catro anos máis tarde dos feitos, dará comezo ás 9.30 deste martes 22 e celebrarase contra doce mozos aos que piden máis de 45 anos de cadea.

"É un disparate que produce arrepíos; que cese isto e que se faga xustiza", di A Mesa

No seu comunicado, A Mesa considera “un disparate que produce arrepíos” as penas solicitadas pola Fiscalía. Segundo apuntan desde o colectivo, "a única pretensión desa petición de penas desproporcionadas é criminalizar os movementos sociais". No seu comunicado, desexa que “cese o disparate e se faga xustiza”. Ademais, remata facendo unha valoración global; animando “o conxunto da sociedade comprometida” a que “non se deixe vencer” e a que “manteña aceso o facho do traballo e da esperanza”.

"A manifestación foi unha demostración de odio apoiada polo PP, Falange e UPyD", lembra Prolingua

Pola súa banda, Prolingua, considera que a manifestación “foi unha demostración de odio irresponsabelmente apoiada polo Partido Popular, (…), Falange Española ou UPyD”. Prolingua pregúntase de maneira retórica: "De que estamos a falar? Sete anos de cadea por defender a lingua galega dun ataque extremista..? Catro anos en prisión por se manifestar na rúa? Identificados e aldraxados por falaren galego..? Apreixados por berrar contra os que vulneran as normas de convivencia das que nos dotamos as galegas e os galegos..?”.

Prolingua remata o comunicado expresando a súa total "solidariedade coas encausadas e encausados do 8F”, e remarcando a “regresión nas liberdades fundamentais no Estado español”.

Por outra banda, decenas de persoas concentraranse este luns nas cidades de Vigo e Compostela ás 20.30 horas para reclamar a absolución dos procesados do 8F. En Vigo, diante do Marco e en Compostela, na Praza de Cervantes.

Rosa Díez, nunha manifestación de Galicia Bilingüe CC-BY-SA Manuel Vilas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.