Alerta en Bergantiños para evitar o 'Prestige' mineiro

Corcoesto, na actualidade CC-BY-SA Salvemos Cabana

"Avecíñase un novo Prestige". Con esta contundencia se expresa a Plataforma en Defensa de Cabana de Bergantiños, o grupo cidadán que, "sumando esforzos" coa veciñanza que se opón ás instalación dunha mina de ouro en Corcoesto na que a Xunta ve unha "grande oportunidade". Este colectivo veciñal alerta de que a autorización da actividade extractiva en Corcoesto pode ser o primeiro paso para o "desembarco da megaminaría con cianuro en terras galegas" -neste momento "estanse realizando catas en Santa Comba, Coristanco e outros puntos" á procura de minerais metálicos- ou, o que é o mesmo, "para condenar a esta bisbarra e despois ao resto de Galicia" a "padecementos ambientais e sociais inéditos".

O cianuro pode "afectar ao aparello respiratorio e aos sistemas cardiovascular, gastrointestinal, neurolóxico, ocular e dérmico"

Os "incertos" 271 postos de traballo que, segundo a empresa canadiana Edgewater Exploration, traería consigo esta mina "non poden xustificar a ruína do futuro medioambiental e turístico dunha terra", din dende a plataforma, que ve a "promesa laboral" favorecida "directamente" polo alcalde cabanés, José Muíño (PP), un dos maiores defensores do proxecto, baseado na utilización de agresivas substancias químicas para "separar o ouro da rocha". Trátase de produtos como o cianuro que, alertan, teñen "efectos prexudiciais mesmo en doses baixas", podendo "afectar o aparello respiratorio e aos sistemas cardiovascular, gastrointestinal, neurolóxico, ocular e dérmico". Inhalada en "concentracións" elevadas resulta simplemente "mortal" e os seus efectos sobre a saúde "poden durar meses ou anos", incluído poslbes "cancros" ou "problemas reprodutivos".

Pero aos riscos para a saúde engádese ademais a "interminable lista de impactos medioambientais" que chegarían á comarca se a mina sae adiante ou, o que é o mesmo, din, se "Feijóo repite como presidente" tras as eleccións do 21 de outubro. Este tipo de minaría a ceo aberto "altera o entorno, modificando a morfoloxía do terreo e deixando ao descuberto cantidades de material estéril" pero "perigoso para a saúde". A isto engádese ademais a "alteración de cursos de auga" nos que se forman "grandes lagoas de material altamente tóxico" que poden "filtrarse" e "chegar ás augas subterráneas, que habitualmente son fonte de abastecemento de auga potable".

A contaminación do aire con "po residual e outros elementos nocivos" que "penetran ata os pulmóns" ou a polución e erosión do solo, xunto ás posibles "verteduras accidentais" que impactarían de cheo na agricultura son outros dos riscos que leva a plataforma cidadá a lanzar unha alerta para tentar frear a mina, tamén en período preelectoral. "Queremos un futuro para Cabana, para a Costa da Morte e para Galicia, pero non este", resumen, xa que esta, din, non pode ser a vía para o desenvolvemento "dunha terra cuxo progreso está na conservación da súa exuberante riqueza natural".

Faixa contraria á mina en Corcoesto CC-BY-SA Plataforma en Defensa de Corcoesto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.