Unha plataforma cidadá denuncia o espolio da Finca do Espiño e a política urbanística de Conde Roa

Situación da Finca do Espiño © Plataforma cidadá en defensa da Finca do Espiño

Un grupo de veciños de Compostela, así como entidades coma o Colexio de Arquitectos de Galicia ou o Colexio de Xeógrafos, constituíron o pasado venres, nunha asemblea celebrada na Biblioteca Ánxel Casal, unha Plataforma cidadá en defensa da Finca do Espiño, en contra do proxecto do alcalde compostelán, Gerardo Conde Roa, de construción de 120 vivendas de luxo nun espazo público da cidade. A plataforma quere denunciar, ademais, a política urbanística iniciada polo novo alcalde, con decisións tan polémicas e simbólicas coma a autorización para instalar terrazas pechadas de cristal e plástico na Praza da Quintana (semellantes ás que existen dende hai anos na Praza de María Pita), ou outras de meirande impacto económico coma o cambio de usos do solo para construír vivendas privadas en espazos públicos, coma o Espiño, ou a ameaza de peche do mercado de Amio. Para Xosé Constenla, voceiro da plataforma “estas medidas están comezando a mudar o modelo de cidade vixente dende hai décadas” e responden a un plan moi consciente, que comezou polo cambio dos responsables de urbanismo do Concello.

Aínda se poden presentar alegacións até este xoves

A Plataforma xorde cuns obxectivos globais de vixilancia e información da política urbanística do Concello, pero nun primeiro momento vaise concentrar na polémica modificación do proxecto do Espiño. A modificación do convenio da Finca do Espiño, aprobada polo goberno municipal compostelán hai tres semanas e que supón a privatización do espazo seguindo os desexos da construtora Layetana, atópase en fase de información pública, e aínda se poden presentar alegacións até este xoves. A plataforma fixo pública na súa páxina un modelo de alegación, que se pode entregar na librería Couceiro até este mércores ou directamente no rexistro da rúa Galeras, até as dúas da tarde do xoves. Así mesmo, nas vindeiras semanas iniciará unha fase de información á cidadanía dos prexuízos que o novo plan do goberno lle pode causar á cidade, unha recollida de sinaturas, así coma outras accións de intervención no propio espazo do Espiño.

"A facenda municipal veríase igual ou mellor remunerada no caso de que se solicitase a execución da sentenza"

A plataforma está aberta á participación de veciños e veciñas e entidades sociais da cidade, para que se sumen ás sesenta persoas que participaron na súa primeira asemblea. Constenla asume que a modificación do convenio será aprobada, polo que a Plataforma estará atenta á redacción da modificación puntual do planeamento actualmente en vigor, que debe ser aprobada pola Xunta. A presión popular, xunto coas alegacións, serán claves para atrasar e deter o plano. Constenla afirma que “estamos afeitos a ver este tipo de operacións urbanísticas noutros territorios do Estado español e non queremos que comece a ocorrer no Concello”.

"Estamos perdendo o timón do futuro de Santiago"

O alcalde está comezando a cumprir a súa ameaza de transformar a estratexia urbanística da cidade. Constenla denuncia os prexuízos que a decisión de Conde Roa tería para a cidade en materia turística, pois Santiago perdería un edificio e un espazo verde cun gran poder de atracción. Constenla denuncia que “a estratexia urbanística de Santiago sempre se adiantou ás demandas cidadás: cando se crean novos espazos verdes ou novos equipamentos culturais non había unha demanda social, senón que a demanda veu despois e conseguiu situar o urbanismo da cidade como un referente en Europa e no mundo. Iso é o que está en xogo: estamos perdendo o timón do futuro de Santiago. E o que é máis grave: primando os intereses privados dunha sociedade mercantil”. Toda modificación do planeamento ten que xustificar debidamente o seu interese público, e o Concello está xustificando o interese público na facenda municipal e no mercado inmobiliario, “e a facenda municipal veríase igual ou mellor remunerada no caso de que se solicitase a execución da sentenza”, explica Constenla.

“O que pasou foi que Layetana botou contas e viu que non lle saía rendible e tentou que o Concello modificase o plan”

Xosé Constenla amósase crítico co primeiro proxecto para a Finca do Espiño, por concederlle a unha empresa privada (Layetana) un equipamento (o xeriátrico) “que debería ser público” e ademais por conceder “un aproveitamento excesivo para unha parcela, que é unha finca singular, catalogada no plano especial, e que entendemos que debería ter un tratamento unitario”. A parcela, en orixe, estaba catalogada como 'non-urbanizable' (como solo rústico de especial protección), xa no primeiro proxecto se concede a urbanización para a construción nunha parte do predio dun xeriátrico privado a cambio de que Layetana se fixese cargo da rehabilitación do edificio (convertido nun centro cívico) e do singular parque, que sería público. “O que pasou foi que Layetana botou contas e viu que non lle saía rendible e tentou que o Concello modificase o plan”.

Durante anos o goberno municipal tentou obrigar á empresa a cumprir o pactado e finalmente hai un ano o TSXG fallou a favor do Concello, instando á inmobiliaria a comezar as obras inmediatamente, achegando un total de 2,3 millóns de euros. En febreiro de 2011 o anterior alcalde compostelán dá a orde para que a empresa comece as obras, o que suporía ademais un beneficio claro para a cidade en materia de emprego. Conde Roa non só non obrigou a Layetana a cumprir o acordado, senón que cedeu aos seus desexos, privatizando o espazo e permitindo a construción de máis dun cento de vivendas de luxo, o que supón ademais un prexuízo económico para a cidade de máis de dous millóns de euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.