0 Gardados para despois

Denunciados na Coruña por un bloqueo á sede do PP que "non se produciu"

Redacción | @prazapublica

Ás oito da tarde pasado 11 de xullo celebrouse nas inmediacións da Delegación do Goberno en Galicia, na Coruña, unha concentración contra a política de recortes do Executivo que preside Mariano Rajoy e en solidariedade coa marcha dos mineiros asturianos e leoneses sobre Madrid. Arredor dunha hora máis tarde, a maior parte das persoas participantes no acto continuaron a protesta diante da sede do PP na cidade, situada nas inmediacións do edificio oficial. De xeito pacífico, primeiro na beirarrúa e durante uns instantes na calzada, amosaron o seu rexeitamento aos plans gobernamentais. Mentres isto acontecía, un nutrido cordón policial controlaba a concentración, os transeúntes seguían o seu camiño por diante da sede dos populares e o breve corte de tráfico suspendeuse no momento en que os axentes así o indicaron.

A concentración non tivo máis consecuencias ata algo máis dun mes despois. Nos últimos días de agosto, en torno a unha decena das persoas participantes recibiron nas súas casas a notificación de que tiñan aberto un expediente sancionador. Segundo consta nunha das alegacións presentadas á denuncia, a cuxo contido tivo acceso este diario, a "declaración policial" é a "única proba" para imputarlles ás persoas afectadas o "bloqueo da entrada á sede do PP, impedindo a saída das autoridades que se atopaban reunidas no interior da sede", así como o "corte dos carrís destinados á circulación dos vehículos" e "negarse ante a orde dos axentes da autoridade de cesar na actividade do corte do tráfico". "Estes feitos cualifícanse como infracción grave" da Lei de Protección da Seguridade Cidadá, o que implica multas que oscilan entre os 300 e os 30.000 euros.

Ao ser a versión policial a única proba esgrimida para iniciar o procedemento sancionador, esa declaración é tamén o argumento empregado para adxudicarlles ás persoas denunciadas un bloqueo da sede do PP que, segundo manifestan fontes presenciais, "non se produciu en ningún momento". Ademais, acrecenta a devandita alegación, as identificacións "dalgunhas persoas presentes" prodúcense "en torno ás 22:30", cando "o abandono da sede do PP por parte das persoas presentes nela se produciu contra as 21:00". "A reunión cidadá continuou moi alén desa hora, entre outros motivos porque a presenza desas persoas na sede non era en absoluto o obxectivo da xuntanza", explica o documento", no que ademais se fai constar a existencia de "probas videográficas" en forma de gravación realizada polos "xornalistas presentes" na zona.

Ademais das imprecisións e "erros" da versión policial, a alegación consultada explica tamén que "o desenvolvemento da reunión se axustou en todo momento á operatividade do principio de tolerancia administrativa". Así, explica, "o corte de tráfico desenvolveuse baixo a custodia das forzas policiais" e "no momento en que estas indicaron a necesidade de concluílo, así se fixo sen incidente ningún". Foi precisamente a aplicación desa "tolerancia administrativa" a que deu lugar a que transcorrese "un prazo de tempo moi significativo entre o momento dos feitos e o das identificacións, o que explica os datos erróneos contidos na denuncia". "Tamén é de sinalar que a meirande parte dos axentes presentes non portaban a placa co número de identificación persoal" malia ser esta obrigatoria, sinala tamén a alegación.

Así as cousas, as persoas denunciadas explican que a quen se identificou "non eran as persoas que cortaron o tráfico, senon as únicas que quedaban no lugar", polo que a propia identificación é un "mero exercicio de arbitrariedade administrativa". "Non existe", polo tanto, din, "no comportamento" das persoas denunciadas "a infracción que se imputa", polo que, conclúe, cómpre que a denuncia sexa "arquivada" con "exoneración da sanción proposta".

Na mesma semana, coincidindo coa aprobación do paquete de recortes por parte do Goberno español, realizáronse outras concentracións na cidade polas que tamén están a ser enviadas notificacións de apertura de expedientes. Dase o caso de que algunhas das persoas notificadas afirman non ter participado nos actos e mesmo estar ausentes da cidade nas datas respectivas. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.