"Así suena el Lempa"

As xornalistas Laura Ruiz e Carmen Novas nun dos obradoiros © Agareso

A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) vén de realizar obradoiros de radio con temática medioambiental en sete escolas de El Salvador, no marco dun proxecto para o fomento da pesca artesanal promovido por Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP) e a ONG local Cordes. Así suena el Lempa é o título dos programas resultantes e tamén do blog no que se pode seguir a experiencia realizada nas últimas tres semanas. Unha vez editados, os audios serán difundidos a través dun audiolibro que incluirá as fotografías tiradas por Emerson Díaz.

En cada un dos centros escolares, vinte estudantes –máis da metade rapazas- aprenderon as claves da comunicación radiofónica e o traballo que hai detrás dun programa de radio, para que eles e elas teñan ferramentas para expresar as súas opinións, en definitiva, para que poidan ter voz propia. O propio alumnado seleccionou a temática do espazo e preparou co profesorado as diferentes seccións propostas polo equipo de Agareso, incluída unha entrevista a un ou unha representante da súa comunidade. As inundacións, a pesca tradicional, o cultivo de cana de azucre, a reciclaxe e a recolección de manglar foron os temas elixidos, por estar moi relacionados co modo de vida das súas comunidades.

O resultado poderase escoitar na canle online Agareso Radio e facilitaráselle tamén a varias emisoras comunitarias de El Salvador para contribuír á sensibilización ambiental da poboación. A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios atópase ademais traballando cun destes medios, Radio Tehuacán, para contribuír ao seu fortalecemento como referente da información social e ferramenta para o empoderamento do pobo.

O fotoxornalista guatemalteco Emerson Díaz, afincado en Vilagarcía de Arousa, e mais as reporteiras Laura Ruiz, madrileña residente na Coruña, e Carmen Novas, natural de Bueu, conformaron o equipo de Agareso desprazado ao país centroamericano durante as últimas tres semanas, e apoiado en todo momento pola asociación desde Galicia.

 

Imaxe dun dos obradoiros © Agareso
O proxecto incorporou este ano talleres fotográficos © Agareso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.