Verdegaia ve "un insulto" que a Xunta financie actividades mineiras "sen ánimo de lucro"

Unha das antigas minas de Corcoesto, abandonada Dominio Público Praza Pública

O pasado 9 de xullo a Consellería de Economía e Industria publicaba no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha iniciativa para darlle pulo ao sector da minaría. Cunha liña de axudas de 800.000 euros o departamento que dirixe Javier Guerra apostaba por "reforzar o desenvolvemento da eficiencia da minaría galega", priorizando as actividades que se desenvolvesen nas provincias de Lugo e Ourense e financiando ata o 80% das acción subvencionables. Esta convocatoria de axudas concorda sensiblemente coa liña que vén desenvolvendo a consellería a respecto do sector -mesmo destinou importantes cantidades de fondos públicos nunha campaña publicitaria para mellorar a súa imaxe- pero introduce unha novidade: os subsidios están dirixidos a entidades "sen ánimo de lucro". É precisamente ese matiz o que está a escandalizar os colectivos ecoloxistas.

Despois de que, como informou Praza Pública, esta convocatoria xa causase desconcerto na plataforma que tenta evitar a instalación dunha mina de ouro en Corcoesto, a asociación ecoloxista Verdegaia vén de saír ao paso da iniciativa da Xunta para considerala todo un "insulto", máis aínda cando entre os motivos que alega o Goberno galego figura a "sustentabilidade" que, din, "vale para xustificalo todo", aínda que "non parece de recibo unha alusión ao impacto ambiental nunha orde que non aborda en ningún momento esa problemática". De feito, abondan, "cando desglosa os criterios e puntuacións para establecer os proxectos aos que lles será concedida esta axuda, en ningún momento acode aos valores ambientais" como parámetros a ter en conta.

A asociación censura o "trasvase de capitais colectivos referentes ao medio natural cara a unhas poucas mans en forma de grandes empresas"

"Estamos xa cansas e cansos de manipulacións", din dende Verdegaia, ao tempo que lembran "as recentes palabras de Núñez Feijóo sobre o proxecto de Corcoesto, para o que estimou máis de 1.300 postos de traballo". "Mentira, clara e evidente, non ten outro nome", sinalan. "O que non é mentira é o dano que este tipo de proxectos causan ao medio, nin a destrución asociada de postos de traballo en actividades máis respectuosas coa natureza e tradicionais". Neste contexto, Verdegaia coida que "o que hai de fondo" neste caso, tamén na orde de subvencións, é "un trasvase de capitais colectivos referentes ao medio natural cara a unhas poucas mans en forma de grandes empresas". O que é o mesmo, explican, "a destrución da natureza tamén implica o furto dos seus recursos para benficios duns poucos" e nisto "non serven como escusa os sempre prometidos postos de traballo, pois ben se pode ver cal é a actitude dun goberno do mesmo partido político cara aos postos de traballo da minaría relacionada co carbón". "Non queremos para a nosa terra algo así, comarcas enteiras que dependen dunha soa actividade" e que agora "están a mercé de axudas xestionadas polo Goberno de quenda.

Neste contexto, Verdegaia "solidarízase coa loita mineira", por ser unha "loita dun sector obreiro pola súa dignidade e o seu traballo", pero "non podemos desexar a expansión dun sector como este en Galicia". Por todo isto, ao colectivo parécelle especialmente grave que a devandita orde de subvencións empregue a sitaución económica "como argumento para defender o fomento da minaría", especialmente en Lugo e Ourense. "Por que non defender as labregas e labregos?", "por que non axudar a reconverter os sectores gandeiro e forestal en verdadeiramente sostibles, natural e economicamente?", "por que non protexer a pesca tradicional?", pregúntanse.

Neste contexto, e "nun momento no que se vén de reducir case á metade a partida destinada para servizos sociais básicos", Verdegaia ve todo un agravio comparativo no feito de que se canalicen estas subvencións como axudas a entidades sen ánimo de lucro. Por isto, conclúen, unha orde coma esta "nun contexto como o actual" está "fóra de todo lugar" e "esiximos a súa retirada".

 

Imaxe de Edgewater en Corcoesto © Edgewater

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.