Sampedro: "Na crise, o que ten un pouquiño, ten medo de perder ese pouquiño"

José Luis Sampedro © charrada.blogspot.com

O escritor e economista José Luís Sampedro concedeu este sábado unha longa entrevista á Cadena Ser, na que reflexionou sobre distintas cuestións de actualidade, sobre a crise económica, ademais doutros temas máis de fondo.

Sampedro, que definiu como "moribundo, con permiso", segue mantendo un discurso moi crítico e combativo, e denunciou, por exemplo, que “os cartos deben estar ao servizo do traballo, pero na actualidade é o traballo o que está ao servizo dos cartos”. Preguntouse, así mesmo, se "hai que encher os bancos de cartos, mentres a xente o pasa como o pasa?". Sampedro criticou os recortes decididos polo Goberno nas políticas sociais e outras medidas: das que dixo que "non son reformas, son contrarreformas". Afirmou que o Goberno se dedica a "desmontar, con desfachatez e cinismo" todo o construído previamente.

Denunciou, por exemplo, que “os cartos deben estar ao servizo do traballo, pero na actualidade é o traballo o que está ao servizo dos cartos”

Critica especialmente as medidas adoptadas en educación, que considera que potencian o ensino relixioso que "crea un pensamento dogmático, se establece un dogma e xa non se pode discutir, acábase co pensamento libre. Sen el non hai nin cidadanía, nin democracia".

Di que xa non quere ser descrito como un economista, porque estes "dedícanse a facer máis ricos aos ricos, e eu prefiro facer menos pobres aos pobres" e recoñeceu non crer xa "nas revolución como se entendían antes". Neste senso, considerou que “non hai risco de explosión” inminente na sociedade española, pois a propia situación de cirse fai que “o que ten un pouquiño, ten medo de perder ese pouquiño, unha actitude de medo moi xeralizada”.

Afirma que, a diferenza de crises anteriores, esta ten que especial a “desvergonza xeralizada”. “Como dicía Marx, o capitalismo converte todo en mercancía. A corrupción son homes e mulleres que se venden, e homes e mulleres que os mercan", asegurou. A este respecto, distinguiu entre capital e capitalismo “o sufixo ismo supón un abuso, como de oportunidade o oportunismo. Capitalismo significa o abuso dos posuidores do capital”. Analizou que na actualidade o capital "agora refúxiase na especulación, xa non na produción e na técnica como hai unhas décadas". Porén, afirmou que "estáselles acabando o sistema, están atrincheirados na banca”.

Afirma que, a diferenza de crises anteriores, esta ten que especial a “desvergonza xeralizada”

Considera que o 15M continúa a ser un "revulsivo importante, xa que conseguiu revolver as cousas". A este respecto, Sampedro salientou a importancia das mudanzas e revolucións interiores: “Cando un está sometido á forza, é importante dicir non, ainda que sexa internamente, na cabeza”. Concluíu que o fundamental é “ser cada un o que é, non ser outro. Polo menos ser libre no pensamento, fuxir dos dogmas de todo tipo”.

Concluíu que "este mundo se acaba, nos cumios internacionais o único que conseguen é reunirse, pero non chegan a ningunha solución". Porén, o escritor puxo a súa confianza na ciencia: "O único que avanza é a ciencia. É posible que a ciencia, a física, a nanotecnia nos achegue un novo marco de valores, unha nova forma de vivir.”

José Luis Sampedro © charrada.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.