Máis de dez ilegalidades no proxecto da mina de Corcoesto

Galerías da antiga mina subterránea de Corcoesto Dominio Público Praza Pública

A Plataforma pola defensa de Corcoesto insiste en que o proxecto de explotación de ouro previsto a ceo aberto en Cabana “non cumpre coa lexislación de minas”, logo de que presentasen na Xunta de Galicia as alegacións, de que rematase o prazo de exposición pública e de que o Executivo galego cualificase de “grande oportunidade” para os “investimentos” a “interesante” explotación que a empresa canadiana Edgewater Exploration ten prevista na comarca de Bergantiños.

A plataforma considera que a aprobación da mina a ceo aberto equivalería a “meter unha bomba” neste val de Corcoesto. Así, nunha nota de prensa, o colectivo -que xuntou ás alegacións máis de 1.300 sinaturas contra o proxecto- enumera e explica varias das razóns polas que, na súa opinión e na de varios expertos, o proxecto de Edgewater incumpre a lexislación.

A plataforma enumera varias das razóns polas que o proxecto de Edgewater incumpre a lexislación

Segundo a plataforma, o proxecto sitúase no ámbito de tres concesións mineiras: Emilita, Ciudad de Masma e Ciudad de Landró, “afectando directamente a dúas delas, polo que a empresa debería ter presentado dous proxectos diferentes, un por cada concesión ocupada polo proxecto de explotación, e cada un deles con toda a documentación específica correspondente”. “Isto supón unha grande irregularidade na tramitación, que podería invalidar o procedemento administrativo que se está a seguir”, advirten.

A empresa recoñece que o 80% dos recursos non está asegurado que existan

Ademais, lembran que a lexislación mineira establece que para outorgar a concesión dunha explotación, “os recursos minerais deben estar adecuadamente xustificados”. “Este requisito tampouco se cumpre no proxecto presentado ante a Consellería de Industria, xa que a propia empresa recoñece expresamente que case o 80% dos mesmos son recursos inferidos, é dicir, recursos que non se saben se existen”, explican. Do mesmo xeito, advirten tamén que “na escombreira e nas balsas de lodos contaminantes, non se cumpre tampouco o Real Decreto 975/2009 sobre xestión de residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras, xa que non se presenta a documentación esixida por esta normativa para cada unha destas instalacións”.

A plataforma enumera unha morea de presuntas irregularidades, tamén de natureza técnica, xa que “non incorpora un estudo arqueolóxico do ámbito de prospección mineira adaptado á actual lexislación, incumprindo deste xeito requirimentos da Dirección Xeral de Patrimonio”. O colectivo pon “en dúbida” o compromiso da empresa co medio ambiente ao presentar un estudo de impacto ambiental “con moitas carencias, tanto na metodoloxía empregada, como na rigorosidade dos estudos, sempre orientados a minimizar os impactos desastrosos na zona”.

O colectivo contra a mina de Corcoesto denuncia vertidos de aceites e combustibles ao monte sen control ningún

“O escaso compromiso co medio ambiente e con respecto á natureza por parte da empresa xa está acreditado na actualidade, polos vertidos de aceites e combustibles ao monte sen ningún tipo de coidado, nin sequera dispoñendo de contedores para os residuos xerados como é preceptivo e esixido pola normativa”, un feito “que xa foi denunciado”.

En canto aos dereitos laborais, a plataforma considera que o proxecto “contén afirmacións sorprendentes” como que se establecen dúas quendas de traballo “de doce horas cada unha”, o que vulneraría a lexislación laboral vixente en España. “Incidimos ademais na precariedade do emprego e como exemplo cómpre resaltar que a compañía acaba de contratar unhas dez persoas por unha breve duración de quince días, e que ademais, proximamente, a maioría dos empregados da mina pasarán a engrosar as listas do paro”, explican.

A Plataforma pola defensa de Corcoesto advirte tamén que o proxecto “non contén moita da documentación mínima esixida polo artigo 41 da Lei 13/2011 de 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia”, como a xustificación da forma en que a proposta de investimento dá lugar a unha expansión significativa do tecido industrial galego ou á consolidación do mesmo. “Tampouco contén un estudo de viabilidade que abranga os catorce anos do proxecto e que recolla todos os custos da explotación, incluídos os derivados da expropiación do monte que non figuran por ningures, ou a relación detallada de bens necesarios afectados pola explotación, é dicir cada un  os montes afectados, os seus titulares e a superficie, tal como esixe a lei de expropiación forzosa”. No proxecto tampouco se recollen os efectos da explotación sobre o planeamento urbanístico vixente, non se xustifica o cumprimento das Directrices de Ordenación do Territorio mediante a súa análise de compatibilidade estratéxica e o mesmo ocorre co Plan de Ordenación do Litoral.

Por outra banda, membros da plataforma reuníronse o pasado xoves 14 de xuño co escritor uruguaio Eduardo Galeano, do que recolleron o seu apoio na loita contra a explotación mineira e que se une ao de numerosos persoeiros galegos. Con este xesto, o literato, que posou coa camiseta do colectivo, mostrou a súa solidariedade cos veciños que pelexan por evitar o proxecto e serviu como "símbolo da internacionalización do apoio recibido". 

O escritor Eduardo Galeano apoia a plataforma CC-BY Plataforma pola defensa de Corcoesto
Imaxe de Edgewater en Corcoesto © Edgewater

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.