A xuíza arxentina que investiga os crimes do franquismo tomaralles declaración en setembro aos denunciantes

Rubém Centeno, Ana Messuti e Rubén Afonso, este martes na rolda de prensa da CRMH CC-BY Praza Pública

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña inicia unha campaña para animar os familiares dos represaliados a que realicen unha denuncia formal do seu caso, que a CRMH lle remitirá á xuíza arxentina María Servini de Cubría, que está a investigar o xenocidio franquista. A xuíza estará en España en setembro para tomar declaración aos denunciantes e querelantes, nun proceso para o que conta coa coa colaboración de asociacións que traballan na recuperación da memoria en todo o Estado. A CRMH realizará este mércores unha presentación pública da campaña Querela Arxentina: Xenocidio Franquista; será ás oito da tarde na Asociación Cultural Alexandre Bóveda.

“É unha das últimas ocasións que teremos de sentar no banco dos acusados os responsables do franquismo, do xenocidio que tivo lugar no Estado español”

Rubén Afonso, secretario da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña , salientou que “é unha das últimas ocasións que teremos de sentar no banco dos acusados os responsables do franquismo, do xenocidio que tivo lugar no Estado español”. Sinalou que en España houbo 115 mil desaparecidos, o que o converte no segundo país do mundo, despois de Camboxa, con máis desaparecidos”, e lembrou igualmente os 30 mil casos de bebés roubados ás súas nais durante a ditadura. Con todo, recoñeceu que a meirande parte dos posibles culpables nunca poderán ser xulgados, ao xa teren falecido, e puxo como exemplo a Manuel Fraga. Foi precisamente a través da investigación que a CRMH realizou sobre a responsabilidade de Fraga nos crimes da ditadura que a Comisión entrou en contacto co colectivo de xuristas arxentinos que está a investigar o xenocidio franquista.

“Preferimos que a xente se presente como denunciante, porque é a forma de que a xuíza reciba as testemuñas do maior número de persoas”, indicou a avogada Ana Messuti

A Comisión insta a todos os represaliados pola ditadura franquista e aos seus familiares a apoiar a campaña e o proceso xudicial aberto, e explica que poden facelo de tres maneiras distintas: como querelantes, como denunciantes, ou cun apoio máis xeral á inicitaiva. Neste momento, a investigación aberta pola xuíza Servini apóiase nas querelas presentadas por medio cento de persoas, entre eles o lucense Darío Rivas, que estarán obrigadas a ter unha forte implicación no proceso. É por iso que os promotores da investigación prefiren que a meirande parte dos demandantes adopten unha figura de denunciantesna que simplemente deben describir o seu caso e agardar a que a xuíza lles tome declaración: “preferimos que a xente se presente como denunciante, porque é a forma de que a xuíza reciba as testemuñas do maior número de persoas”, indicou a avogada Ana Messuti.

Neste momento a CRMH xa conta cunha trintena de denuncias, a meirande parte da área da Coruña e algunha de Vigo, pero espera que coa campaña que vai poñer en marcha sexan moitos máis. A campaña abrangue a persoas que sufriron calquera tipo de represión, non só as que foron asasinadas, senón todas aquelas que estiveron na cadea por defenderen as súas ideas, ou que por ese motivo perderon o seu traballo. As persoas denunciantes enchen unha ficha cos seus datos persoais, explican cal é a súa relación coa persoa que sufriu a represión e describen brevemente os feitos denunciados. En función do número de denunciantes galegos, María Servini podería tomarlles declaración en Galicia, seguramente en Vigo, sede do consulado arxentino.

A campaña abrangue a persoas que sufriron calquera tipo de represión, non só as que foron asasinadas, senón todas aquelas que estiveron na cadea por defenderen as súas ideas, ou que por ese motivo perderon o seu traballo

Ana Messuti, colaboradora da xuíza Servini, explicou que “queremos que se recoñeza o que pasou, pero queremos que se recoñeza xudicialmente, porque son vítimas dun delicto”. A investigación en marcha ten moitas semellanzas coa que realizou o xuíz Garzón con respecto aos crimes das ditaduras chilena e arxentina, pois baséase no principio de xurisdición universal para os crimes de lesa humanidade: "a gravidade dos crimes é tal, que é responsabilidade de toda a humanidade. Un país non ten dereito de pechar as súas fronteiras xurídicas nese caso".

En España, polo se agora, sempre se empregou como argumento para non xulgar os crimes do franquismo a Lei de Amnistía de 1977. Porén, para Messuti “a lei de amnistía non necesariamente ten que considerarse un obstáculo. A lei cumpriu a súa función, pero non pode impedir a investigación dun xenocidio. o máis importante é a vontade de interpretación da lei”. Son moitos, ademais, os organismos internacionais (dende Amnisíta Internacional a Human Rights Watch) que reclaman a súa derrogación. Messuti salientou que “é o sentimento de xustiza da sociedade civil o que impulsa as causas; sen o traballo constante das nais da Praza de Maio, non se estaría xulgando os xenocidas que se están xulgando en Arxentina”.

 

"Temos memoria, temos testemuños, temos foxas con restos, pero non temos xuíces que investiguen isto"

“É tremendo que 35 anos despois do fin do franquismo esta xente siga enterrada nas cunetas, é inaceptable"

Pola súa banda, Rubém Centeno Paradela, en representación do colectivo de persoas denunciantes, salientou que “temos un problema moi grande de memoria e de falsificación histórica: os nosos familiares non morreron por unha cuestión natural, nin sequera morreron nunha guerra; eran persoa que tiñan o seu traballo ou militaban en organizacións políticas e que pola súas ideas políticas foron condenados a morte sen xuízo, sen posibilidade de defensa e os seu corpos foron feitos desaparecer”. E engadiu que “é tremendo que 35 anos despois do fin do franquismo esta xente siga enterrada nas cunetas, é inaceptable. En calquera país europeo isto sería impensable”.

Centeno, concluíu que “temos memoria, temos testemuños, temos foxas con restos, pero non temos xuíces que investiguen isto. Hai xente nas instancias xudiciais e políticas que están obstaculizando esta investigación. Non queremos unha revancha, só queremos que haxa un recoñecemento do que pasou, e isto segue negándose 35 anos despois”

Rubém Centeno, Ana Messuti e Rubén Afonso, este martes na rolda de prensa da CRMH CC-BY Praza Pública
A xuíza María Servini © lavoz.ar

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.