Falece Andrea aos catro días de concedérenlle a morte digna

Estela e Antonio, ás portas do Clínico © Sara Torreiro

Andrea descansa en paz. Catro días despois de que o hospital de Santiago accedese a deixar de prolongar a súa vida artificialmente, a nena de 12 anos faleceu este venres. Marchou arrodeada da súa familia máis próxima, a mesma que nas últimas semanas loitou no hospital e nos tribunais para poñerlle fin ao "sufrimento" que a alimentación artificial lle estaba a provocar malia sufrir unha enfermidade neurodexenerativa e irreversible.

A nai e o pai de Andrea, Estela e Antonio, personificaron durante semana e media a loita de moitas familias por un final "digno" para os seus seres queridos con doenzas incurables. Foi o tempo que transcorreu dende que dediciron sacar á luz pública a loita pola que estaban a pasar: mentres o xulgado condicionaba o futuro da súa filla ao ditame do Comité de Ética Asistencial, que apoiaba a reclamación de morte digna, o Servizo de Pediatría do Clínico de Santiago negábase a concedela.

Os pais de Andrea decidiron facer público o caso ante a negativa do Servizo de Pediatría

A aposta da familia de Andrea por recorrer aos medios de comunicación para difundir o caso revelouse como transcendental. "O sufrimento da nosa filla é insoportable", resumía Estela o pasado 30 de setembro nunha entrevista con Praza.gal. Decidiran alzar a voz, explicaban, despois dun ingreso hospitalario de case catro meses e cando os propios facultativos acreditaban que no estado da súa filla xa non había marcha atrás. "Se se fose apagando pero non tivese sufrimento estaríamos os meses que fixese falta e non pelexaríamos", explicaba. Pero Andrea estaba a "retorcerse de dor".

Tras a intervención xudicial, o hospital mudou o seu criterio

Co caso ocupando os titulares o Servizo de Pediatría recibiu o apoio da Xunta -a agora exconselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, chegou a equiparar a petición familiar coa eutanasia- pero, non obstante, optou por dirixirse ao xulgado de familia para pedir "orientación". Mentres, a familia acudia tamén aos tribunais para reclamar a retirada da alimentación artificial.

Nesta conxuntura, o xulgado decidiu que un forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) determinase o estado real da paciente e, con esta información sobre a mesa, o xuíz Roberto Soto convocou os pais. Cando se atopaban nas dependencias xudiciais, o pasado luns, recibiron unha comunicación do hospital, segundo a cal existía "unha nova posibilidade de tratamento paliativo consistente en retirar a alimentación e manter unicamente a hidratación necesaria para permitir a sedación". Tratábase, a efectos prácticos, de acceder á petición familiar, cun "plan" por cuxo "cumprimento" velou o propio xulgado.

O xuíz arquiva o proceso e agradece a "profesionalidade" dos médicos e a "extraordinaria enteireza" dos pais

O propio xulgado ditou este venres un auto no que constata que, tras o "lamentable falecemento da menor", corresponde arquivar o procedemento. No seu auto o xuíz evidencia que neste caso foi de aplicación a lei de morte digna vixente en Galicia dende o pasado xullo e acredita, asemade, que o plan que finalmente se aplicou respondeu, esencialmente, ás recomendaciónds o Comité de Ética. "Procede -conclúe o maxistrado- agradecer a profesionalidade e absoluta colaboración do actual pediatra responsable da menor e do xefe do servizo de Pediatría do CHUS", así como "a extraordinaria enteireza dos proxenitores da menor".

Estela e Antonio, ante o hospital de Santiago © Sara Torreiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.