A falta de material obriga a cancelar a operación dun home con cancro no hospital de Vigo

Protesta de traballadores do Sergas no Álvaro Cunqueiro CC-BY-SA CIG-Saúde

Chegou a hora de "mellorar os problemas e deficiencias" do novo hospital de Vigo. Así o asegurou Feijóo logo de presentar o seu novo goberno e tras a destitución de Rocío Mosquera como conselleira de Sanidade, departamento que agora dirixirá o ex alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña. E abofé que as eivas no Álvaro Cunqueiro continúan, tal e como se deduce das múltiples queixas públicas de pacientes e usuarios ou dos traballadores e da xunta de persoal, que confirman a Praza que a situación segue a ser "tan caótica como parece". 

A situación no Álvaro Cunqueiro "é tan caótica como parece", segundo confirman traballadores e xunta de persoal

Tanto como para que se suspendan operacións por falta de material ou porque o que hai non está nas condicións axeitadas. O último caso, o dun home de 66 anos que ingresou para unha "gastrectomía total por adenocarcinoma gástrico" e cuxa intervención cirúrxica foi suspendida "por falta de material cirúrxico a pesar de telo avisado o día anterior". O doente con cancro foi dado de alta "quedando pendente de reprogramar" a operación, tal e como figura nun informe cuxa veracidade foi confirmada por varias fontes sanitarias do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC). 

"Non é a primeira vez que se cancelan operacións porque xa foron varias as que houbo que suspender por problemas coa esterilización do material cirúrxico", explica Ángel Cameselle, presidente da xunta de persoal. Neste caso, os problemas chegan porque o devandito material debe percorrer ata catro etapas ata acabar no centro de Beade, de onde sae ao estar almacenado alí. Logo chega ao Hospital Xeral, onde se lava, e despois ao Meixeorio, onde está a central de esterilizacion. Lavado e esterliziado, volve ao HAC nun camiño demasiado longo que provoca que moitas veces non estea a punto para as intervencións cirúrxicas, cun paso máis que no anterior proceso. 

A operación dun home con cancro foi cancelada "por falta de material cirúrxico"

Cameselle advirte que estes problemas continúan, pero tamén as queixas polas comidas, polo prezo do párking, da televisión ou da conexión a internet, polos cambios de labores de persoal na reestruturación dos traballadores, polo mal deseño do edificio, pola falta de hixiene nalgunha zona ou pola última evidencia clara do que supón "un hospital no que o único que se pretende é facer cartos, negocio". Refírese ao problema dos celadores, que manteñen as protestas logo de que unha empresa externa asumise boa parte dos seus traballos e tras advertir xa de incidencias ante a falta de formación específica dos novos empregados, contratados pola concesionaria a través dunha ETT. "E cuns soldos moi precarios", advirte o presidente da xunta de persoal. 

"Non é estraño ver traballadores chorando polos corredores", asegura unha traballadora do novo hospital de Vigo

Tanto Cameselle como unha enfermeira que accede a contar estas semanas de traballo no novo hospital coinciden ao sinalar un caso que é sintomático do que ocorre: "Non é estraño ver traballadores chorando polos corredores". "Á xente sáltanlle as bágoas porque están desesperados e, en moitos casos, moi implicados nun traslado que ven como non funciona", explica unha traballadora que relata as deficiencias na súa área. "Non hai campás de aspiración para os vapores nin sumidoiro para os residuos, aínda que si un sistema de renovación de aire que non é eficiente; tivemos que pedir que abriran as fiestras porque así non podemos traballar e os produtos son moi perigosos", asegura. 

Ademais, esta mesma enfermeira conta como nalgunhas zonas do Álvaro Cunqueiro a recollida do lixo tarda días en realizarse, acumulándose material durante días, e mesmo critica unha hixiene "que non é suficiente". "O peor é que non nos fan nin caso; temos enviado moitos escritos a xerencia e múltiples queixas a outros responsables, pero as solucións non chegan", di. 

Ángel Cameselle aclara tamén que hai "algunha cuestión particular" que si que chega a ter amaño, pero a situación caótica "segue a ser a mesma que se denunciou desde o principio". Falta de baños, de tomas de auga ou de variado material e unhas dietas diferenciadas -e necesarias para os doentes- case inexistentes das que se queixan pacientes e traballadores. De 60 que había no Xeral ás dez da actualidade. "Estamos nun hospital en obras", di a enfermeira. "Fíxose todo con rapidez e improvisación e agora pasa o que pasa", engade o presidente da xunta de persoal. 

Os usuarios censuran tamén o "caos" que se produce en Urxencias e a cantidade de horas que moitos doentes teñen que pasar sentados en cadeiras á espera dun cuarto que non chega. Mentres, sindicatos, xunta de persoal e colectivos pola sanidade pública denuncian ante a xustiza todo o que acontece case a cada día. 

E toda esta situación tamén ten efectos directos no cadro de persoal. As baixas terían aumentado arredor dun 20% nas últimas semanas debido ao "estrés e a presión" provocada polas múltiples deficiencias coas que os traballadores teñen que tratar cada xornada. Desde a xunta de persoal non se confirma este incremento que si advirten fontes dalgunha área do Álvaro Cunqueiro, pero si que se están a producir moitas máis baixas de persoal sanitario afectado polas eivas que afrontan. 

Informe de alta por ausencia de maerial no HAC CC-BY-SA Praza Pública
Vista xeral do novo hospital de Vigo © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.