O Festigal volve con música e "rebeldía"

Presentación do Festigal CC-BY-SA Festigal

Volve o Festigal, e van doce. O festival organizado pola Fundación Galiza Sempre e Galiza Nova presentou este xoves en Santiago un cartaz que supón, en certa medida, unha volta ás orixes do evento, considerado xa unha "referencia" das celebracións do 25 de xullo en Compostela. A Quenlla, Sés, os Festicultores e Nao subirán ao escenario do campus sur da capital na noite previa ao Día da Patria mentres que o propio 25 será a quenda para Habelas Hainas, Os da Ría, García MC, Grampoder, Tempo Catro Sexteto e o mago Antón.

A música tradicional, o rock, o pop, o hip hop e mesmo o humor mesturaranse nun Festigal que, di Tania Ameneiro, de Galiza Sempre, "aposta pola música galega e polas formacións que recuperan a tradición musical" xunto aos "novos estilos de vangarda": "Concibimos o Festigal como un espazo de encontro e rebeldía", engade Xavier Campos, da comisión organizadora, para quen esta edición do festival será "a da rebeldía" por ser un "espazo común compartido das persoas que acreditan na soberanía para Galiza".

Ás habituais presentacións de libros e táboas redondas engádese este ano un espazo deportivo

Como en anos anteriores o Festigal incluirá, ademais da súa vertente musical, a aposta por servir de "escaparate" á actividade dos centros sociais e asociacións culturais galegas, tales como Cultura do País, de Lugo, A Revira de Pontevedra, A Gentalha do Pichel, de Compostela, Faísca, de Vigo, Colectivo Terra de Pontedeume ou En Pé, de Pontevedra. Ás habituais presentacións de libros e creacións culturais e ás táboas redondas da "galería das ideas" engádese este ano un espazo deportivo, cunha "exhibición de loita medieval galega e un triangular de fútbol gaélico, un deporte de recente implantación na nosa nación e que está a gañar adeptos e adeptas", explica Campos.

A organización do Festigal agarda un ano máis unha notable afluencia de público tanto aos concertos como aos espazos culturais e á zona de xantar. "Na última edición viñeron máis de 100.000 persoas de toda Galiza", subliña o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, quen observa na combinación de "novos talentos" coas "bandas consolidadas" un dos valores do certame.

Cartaz do Festigal CC-BY-SA Festigal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.