As contas de Praza

Fundación Praza Pública é a responsable institucional do xornal Praza.gal. É unha fundación sen ánimo de lucro que ten por finalidade estatutaria o fomento da información e o debate público como forma de contribución ao exercicio cívico da cidadanía galega e  a promoción da cultura e a lingua galegas. Constituíuse en maio de 2012 e está rexistrada como fundación de interese galego, polo que as achegas das socias e socios contan coas correspondentes desgravacións no IRPF e no imposto de sociedades.

Informe financeiro de 2023

De acordo coa nosa política de transparencia, achegamos un resumo das contas económicas de Praza no ano 2023 unha vez aprobadas polos órganos correspondentes da Fundación Praza Pública.

No pasado ano logramos, grazas ao apoio da comunidade de Praza, un resultado próximo ao equilibrio anual. Melloramos os ingresos globais: mantivéronse no que atinxe á colaboración das socias e socios, cuns ingresos de algo máis de 47.854 euros. No referido á publicidade, grazas ás empresas, entidades e institucións confiaron en Praza.gal como soporte das súas insercións publicitarias, os ingresos aumentaron a 97.391 euros, o que implica un incremento relevante a respecto de exercicios previos.

https://api.praza.gal/storage/uploads/kvtca-ingresos-fundaci-n-praza-p-blica-2023-5ab6491.png

Durante o ano 2023 tamén aumentaron os gastos de persoal. Os fondos destinados a gastos de salarios e cotizacións á Seguridade Social situáronse en algo máis de 114.000 euros e supoñen o 81,49 % dos gastos totais. Esa porcentaxe elévase ata o 93,36 % tendo en conta as colaboracións xornalísticas puntuais e outras contratacións externas. En troques, o resto de gastos (xestión, mantemento) reducíronse con relación ao ano anterior, con algo máis de 9.600 euros.

https://api.praza.gal/storage/uploads/vjqbt-gastos-fundaci-n-praza-p-blica-2023-0039625.png

Como amosa o cadro sobre estas liñas, o resultado final antes de impostos da Fundación Praza Pública no exercicio 2023 foi positivo en 263 euros, conseguindo practicamente o equilibrio entre gastos e ingresos. Estás contas quedan pendentes do axuste final e amortizacións na súa aprobación no mes de xuño polos órganos da Fundación. Este equilibro avaliámolo moi positivamente, máis aínda tendo en conta o esforzo de incremento e consolidación do cadro de xornalistas.

As socias e socios, o noso futuro

O apoio da comunidade é a mellor garantía de podermos editar cada día un xornal plural e en galego e de facelo cun cadro de persoal estable en condicións laborais dignas que traballe sen presións

O ano 2023 foi moi intenso informativamente, con fitos como a cobertura de varios procesos electorais. Os nosos datos de tráfico así o acreditaron. Así sucedeu malia aos atrancos alleos a Praza.gal, como a política e continuas mudanzas dalgunha das principais redes sociais cara aos medios de comunicación, lastrando a difusión de contidos informativos. Tamén malia aos obstáculos que permanecen na contorna informativa galega, como a desigual política de axudas e insercións publicitarias dalgunhas das principais institucións públicas do país, que continúan a distorsionar o peso real de cada medio sen ter en conta aspectos como a súa difusión real, pero tamén outros coma os dereitos laborais ou o uso da lingua galega.

Estes e outros motivos, como á primacía de grandes plataformas como Google e Facebook no mercado publicitario, non fan máis que fortalecer a nosa aposta comunitaria polas socias e socios como chave do futuro de Praza.gal. O apoio da comunidade é, ao cabo, a mellor garantía de podermos editar cada día un xornal plural e en galego e de facelo cun cadro de persoal estable en condicións laborais dignas que poida traballar sen temor ás presións.

https://api.praza.gal/storage/uploads/a-devolver-horizontal-9b6ff83.png

En virtude da lexislación vixente en materia de entidades sen fins lucrativos e mecenado, as achegas das socias e socios de Praza.gal son doazóns á Fundación Praza Pública. Tal e como fixa o Real Decreto-lei 17/2020, cos incrementos previstos para o ano 2024 a persoa física que as realiza ten dereito a deducir da cota íntegra do IRPF un 80% dos primeiros 250 euros doados -do total de doazóns que realice a estas entidades-, e do que exceda de 250 euros, o 40 %. Isto quere dicir que, por exemplo, unha cota mensual de 10 euros ao mes como socia ou socio de Praza pódeche quedar nun gasto real de 2 euros ao mes.

A normativa vixente mantén o límite do 10 % da base liquidable  do contribuínte. Podes consultar polo miúdo estas desgravacións neste espazo.