Xoán Bascuas afirmou que estas eleccións lle serviron a CxG para "darse a coñecer" e di que Compromiso obtivo "bos resultados" naqueles lugares nos que a formacions está asentada.
Fálase
Xosé Manuel Beiras compareceu en Teo para afirmar que "agora si que a derrota definitiva do PP aquí e no Estado comeza a ser segura" e definiu a AGE como "esa vangarda". Concluiu que "imos ser os espartanos no Parlamento galego para loitar contra a crise". E repite que os deputados de Anova e EU actuarán conxuntamente no Parlamento en base ao programa electoral acordado entre eles.
Comparece Jorquera. Felicita o PP pola súa vitoria e culpa do descenso do BNG á crise interna sufrida e a unha estratexia popular de "retroalimentar" a AGE: "mirade que os mellores resultados de Beiras sempre coincidiron cos mellores resultados do PP". Alerta de que Galicia está a sufrir un proceso de "desgaleguización" e afirma que contra ese proceso "o BNG é imprescindibel". De cara ao futuro indica que "tan importante será o traballo no Parlamento coma na rúa".
Pachi Vázquez e Francisco Jorquera chamaron xa a Alberto Núñez Feijóo para darlle os parabéns pola vitoria. Nuns minutos comparece o líder popular.
O escrutinio en Euskadi está xa ao 99%. O PNV gaña, obtén 27 deputados pero queda lonxe da maioria absoluta e terá que elixir entre EH-Bildu (21) e PSE (16). O PP obtén 10 escanos e UPyD 1. Os partidos nacionalistas obteñen 48 escanos.
Pachi Vázquez é o primeiro en comparecer. Asume o resultado "con serenidade", informa de que xa felicitou ao PP e di que "asume a responsabilidade", pero non aclara o seu futuro máis aló de dicir que se abre "un periodo de reflexión". Mañá o PSdeG-PSOE celebra Executiva.
Chega Alberto Núñez Feijóo á sede do PPdeG. Rostros de euforia contida nos principais dirixentes conservadores.
Co 60% escrutado o PP obtén 41 deputados, o PSdeG 18, AGE 9 e BNG 7. O PP descende en porcentaxe pero gaña un escano por todas as provincias agás Pontevedra. O PSdeG resiste mellor en Lugo e Ourense (perde un escano en cada provincia) ca na Coruña (perde 3) e Pontevedra (perde 2). AGE obtén o 13,6% dos votos e 9 escanos: 4 pola Coruña 3 por Pontevedra e 1 por Lugo e Ourense. O BNG ten 7.
Co 50% escrutado AGE é a segunda forza na cidade da Coruña, superando o PSdeG-PSOE, o mesmo que en Santiago, co 40% escrutado. Na cidade de Pontevedra o BNG tamén supera o PSdeG e convértese na segunda forza.
O escrutinio en Galicia ainda se mantén por debaixo do 40%. Pero nalgúns concellos xa está máis avanzado: En Ferrol (49% escrutado) o PP obtén o 41% dos votos, o PSdeG o 21%, AGE o 20% e o BNG o 8%.