0 Gardados para despois

Editorial

BNG e PSOE: Derrota e continuísmo

O Congreso do PSOE desta fin de semana e a Asemblea Nacional do BNG da fin de semana anterior tiveron varios puntos en común: dúas candidaturas cun nivel de apoio case idéntico, partido ao 50%, e a elección finalmente, da opción máis continuísta e enrocada en si mesma, mirando máis cara ao interior da organización e o mantemento da estrutura de poder interno que cara ao exterior, cara á sociedade.

PSOE e BNG están en crise. O PSOE perdeu catro millóns e medio de votos o 20 de novembro e apenas conserva algo de poder institucional en Andalucía e Euskadi (goberno que moi probablemente perderá nos vindeiros meses) e nun terzo dos concellos do Estado (Zaragoza e Vigo os máis grandes), algo inédito dende 1977. O BNG acumula unha década de descensos electorais, que continuaron nas eleccións municipais e xerais do pasado ano, cunha perda de máis de 120 mil votos dende o ano 2000.

Porén, nesta situación de crise e de obxectiva incapacidade para conectar cunha parte importante do seu electorado, a resposta interna en ambos os dous casos foi a da continuidade de caras e ideas, a solidificación e impermeabilización das organizacións, cada vez máis lonxe das súas bases. Albert Einstein dixo que era unha loucura facer unha e outra vez as mesmas cousas esperando obter resultados distintos.

O resultados de ambos os dous encontros políticos foi recibido con decepción por unha parte importante dos votantes máis críticos e dos ex votantes, pero o que é máis preocupante, non espertou nin sequera interese na maioría, naqueles aos que agora os partidos apelarán como a súa base de apoio. Falan noutro idioma.