O xornal da Galicia que vén

  • Editorial

Praza Pública nace para romper un cerco de silencio que afoga tantas voces valiosas, para crebar o pesimismo que se nos intenta impoñer como fe fatal. Praza Pública (ou simplemente Praza, a vosa praza) nace porque cremos no país e nas súas xentes, nesa Galicia moderna e sen complexos que ten todo o futuro que sexa capaz de atreverse a soñar e a facer seu. Desde Praza desexamos contribuír a deseñalo, a construílo e a conquistalo, con humildade e sendo conscientes das nosas capacidades, mais tamén coa ambición de crecer ao voso lado e de ofrecervos un traballo ben feito, no que vos sintades recoñecidos e recoñecidas.

Praza nace tamén para a pluralidade. Para aumentar o pluralismo informativo, que hoxe está moi lonxe de ser un reflexo da diversidade social do noso país; e tamén para exercer a pluralidade de voces, de visións e de perspectivas, sen máis liñas vermellas que aquelas que nos definen como proxecto comunicativo: a defensa do autogoberno, do progreso e do benestar da cidadanía galega, e mais a reivindicación da lingua e da cultura galegas como valores esenciais desa Galicia que vén.

Praza nace para dar difusión a todo o talento que temos no país, a todas as experiencias innovadoras, a todas as xeracións. Porque Galicia non necesita ter voz propia: precisa de voces propias, múltiplas e diversas como o propio país. Voces consagradas, voces novas, voces femininas, voces que até hoxe carecían de canais de difusión onde expresar e transmitir as súas experiencias na creación artística, no asociacionismo, no emprendedorismo, na tecnoloxía, nos movementos sociais...

Queremos ser un punto de encontro desa comunidade de persoas e de sectores que senten a necesidade de diálogo, de coñecemento e de recoñecemento mutuos, esa mesma necesidade que nós detectamos e que nos impulsou a construír esta praza. E imos facelo desde a máis absoluta independencia, para que xente diversa se sinta a gusto frecuentando esta praza, a viva como propia e se vexa reflectida nela.

Para garantir a nosa independencia, escollemos non ser de ninguén, para así sermos de moitos e moitas. Por iso, nin dependemos dun mecenado nin do diñeiro público nin de ningún grupo de poder. Dependemos de vós, de ti que nos estás a ler. Praza é un proxecto comunitario que basea a súa sustentabilidade a medio e longo prazo nas achegas cidadás, polo que chegaremos tan lonxe como decida o público implicado no proxecto. A nosa forma xurídica é a dunha fundación, sen ánimo de lucro e aberta á participación da comunidade, pois non nos move o ánimo de repartir ningún outro dividendo nin de deixar outra herdanza que non sexa unha Galicia máis libre e máis dona de si.

Queremos ser un punto de encontro desa comunidade de persoas e de sectores que senten a necesidade de diálogo, de coñecemento e de recoñecemento mutuos, esa mesma necesidade que nós detectamos

O que nos gustaría ter de vós é un compromiso de fidelidade: lendo, comentando e criticando; difundindo nas redes sociais e nos teus círculos de influencia; e, quen poida e na medida en que poida, contribuíndo economicamente para facer deste un medio sustentable e con capacidade para durar e crecer. Xa coñecemos os modelos que fracasaron e toca construírmos un modelo novo, no cal o público lector sexa o propietario do medio; e iso pasa por unha implicación a todos os niveis, incluído o económico.

Praza supón tamén un convite e un desafío: o de superar o individualismo no consumo da información, xa que ao colaborar conosco non comprades un xornal para cada un(ha) de vós, senón que estades a financiar un xornal para Galicia. Para un país sen censuras e cuxa forza reside no afán colectivo de ser e de facer.

En fin, Praza nace para sumar. Somos un medio con vocación de cooperación, moi nomeadamente no atinente á colaboración con outros medios en lingua galega: a campaña Vitaminas para o Galego, a integración de contidos doutros medios e a vontade de constituír fórmulas compartidas de xestión, sen exclusións, é unha necesidade que Praza fai propia e á cal dedicaremos os nosos mellores esforzos, como xa vimos facendo nos últimos meses.

Poderíamos dicir moitas máis cousas, pero preferimos mostralas no traballo do día a día, coa vosa participación e a vosa axuda indispensable. Introducindo melloras como unha riquísima comunidade de blogs e o uso dos patacóns, a nosa moeda comunitaria, que xa implementaremos o día 15 deste mes; e moitas outras que co tempo poremos en marcha.

A Galicia que vén xa está aquí e non acepta a negación nin o desleixo, nin as doutrinas uniformizadoras veñan de onde veñan. Para esa Galicia inquieta, chea de vida e talento, foi feita esta praza. Para vós todas, para vós todos. Benvidas e benvidos á Praza! Facédea vosa, porque vosa é.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.