Fomento escurece o futuro de Alvedro e Peinador, afogados polo descenso de tráfico

Vista da terminal do aeroporto de Lavacolla © Aena Aeropuertos

Alvedro e Peinador en perigo. Os recortes promovidos polo Goberno central nas terminais españolas ameazan con afectar aos aeroportos da Coruña e de Vigo, que AENA sitúa entre os 30 menos rendibles e eficientes do Estado. A negociación está xa aberta e o xestor aeroportuario vén de advertir aos sindicatos dos seus plans, que non son outros que recortar en persoal e, de chegar ao caso, eliminar algunha terminal que acumula perdas ano tras ano.

A propia ministra de Fomento, Ana Pastor, lonxe de despexar dúbidas, aumentounas durante a súa intervención en Santiago. “Todos os aeroportos poden ser viables, pero non coa actual conta de resultados”, aclarou, tras anunciar o plan de negocio que se está a preparar para as terminais do Estado.

“Estamos implantando un plan de negocio en todos os aeroportos, non só nos galegos, senón nos de toda España porque a situación que herdei é dunha débeda de máis de 14.000 millóns de euros no grupo AENA”, respondeu Pastor cando se lle preguntou pola posibilidade de que Alvedro ou Peinador fosen pechados. Non descarta nada.

Segundo unha información de Voz Populi, os aeroportos da Coruña e de Vigo son dous dos sinalados por Fomento polas súas elevadas perdas, nas que Peinador ocupa os primeiros postos con 7 millóns en 2011. Justo Pérez, presidente do comité de empresa de Alvedro, recoñece a negociación entre AENA e sindicatos, pero nega que haxa “algo firme polo momento”. “As xuntanzas están empezando e as posturas son moi tirantes”, asegura o representante sindical, que asume que haberá recortes pero que di que “a ninguén se lle pasa pola cabeza que pechen o aeroporto”. 

A Coordinadora Sindical Estatal recibiu a lista dos 30 aeroportos menos rendibles hai tan só uns días de parte de Fomento, que fala xa de flexibilidade horaria, dunha estrutura mínima e da centralización da xestión dos recursos humanos. Os sindicatos temen que baixo a negociación se agoche un ERE parcial, ademais das xubilacións que se emprenderán nos vindeiros meses.

 

"Pode que haxa recortes, pero a ninguén se lle pasa pola cabeza que pechen Alvedro", di o presidente do comité de empresa

“Claro que hai temor a que reduzan o persoal, sobre todo se seguen baixando os pasaxeiros; Alvedro está previsto para mover un millón de persoas ao ano e se baixamos desa cifra, sobrará xente”, asume Pérez, que tamén recoñece que “en España hai aeroportos inviables, é evidente”.

Aínda así, o presidente do comité de empresa confía na negociación e en que as cousas non se fagan “á brava”. O que si lle preocupa é que a reforma laboral sexa empregada polo Goberno como escusa para levar a cabo despidos. “Se baixamos en pasaxeiros e reducimos as ganancias, a empresa xa tería un argumento para reducir o persoal”, lembra Pérez, que recorda tamén que unha reestruturación no grupo afectaría “a todos os aeroportos españois”. “Se Madrid é rendible tamén o é porque asume pasaxeiros doutras terminais”, di.

Os traballadores temen tanto os recortes como os efectos da reforma laboral

No entanto, as diferenzas financeiras entre as tres terminais aeroportuarias galegas son fiel reflexo dos seus rexistros de pasaxeiros. Non en van, só Lavacolla só supera con comodidade, e faino dende hai unha década, o limiar do millón e medio anual de pasaxeiros, establecido pola Comisión Europea para considerar que un aeroporto é rendible de seu. Como ten detallado Praza, nin sequera as inxentes inxeccións económicas dos anos de bonanza económica, tanto en infraestruturas como en subvencións ás aeroliñas de baixo custo, conseguiron facer realidade un crecemento acompasado e sostible dos tres aeródromos unidos pola Autoestrada do Atlántico. E se isto non se logrou antes da crise, menos aínda en plena treboada económica e financeira.

Tomando como referencia os últimos tres anos os rexistros oficiais de Aena Aeropuertos amosan un crecemento sostido do aeroporto compostelán mentres que, agás excepcións puntuais, os da Coruña e Vigo acumulan notables perdas interanuais. Así, en 2009 pasaron por Lavacolla 1,9 millóns de pasaxeiros, mentres que por Alvedro fixeron o propio 1,1 millóns de persoas e en Vigo, 1,06. Esas cifras supuñan que Compostela medraba levemente, un 1,4%, que a terminal viguesa caía un 9% e que a coruñesa se desplomaba un 13,7%. A chuvia de axudas ás low cost do Xacobeo 2010 invertiu a tendencia na Coruña, que un ano despois medrou un 3%, unha cifra positiva comparada coa caída do 0,9% de Vigo, pero moi lonxe do 11,8% co que despegou Santiago ao calor do Ano Santo.

Neste contexto chegouse ao ano 2011. Cos subsidios ás aeroliñas notablemente recortados e co malogrado comité de rutas xa metido no caixón Alvedro volveu caer e fíxoo ata o 8%, a Vigo aconteceulle o mesmo, cun 10,7% menos de pasaxeiros que en 2010 e Lavacolla seguiu a medrar, neste caso un 13,4%, situándose nos 2,5 millóns de pasaxeiros. En cifras globais nestes tres anos de referencia voaron a Galicia ou dende Galicia 12,9 millóns de persoas das cales 6,5 tiveron orixe ou destino na capital.

Así e todo o aeroporto de Santiago non recibe só boas novas. Coa súa terminal practicamente acabada de estrear e mentres o Ministerio de Fomento dsenvolve ou ten previstos substanciosos investimentos na Coruña -coa ampliación da pista- e en Vigo -co novo aparcadoiro- o ano 2012 comezou con malos números para os tres aeroportos do país, aos que o peche de Spanair e a redución de destinos internacionais lles serviu de lastre. No caso de Lavacolla, aínda que o número absoluto de pasaxeiros é crecente, no primeiro cuadrimestre do ano só pechou febreiro con números negros, medrando un 5,6% a respecto do mesmo mes do ano anterior. En xaneiro, pola contra, perdeu un 2,3%, en marzo un 9,4% e en abril, un 16,2%. Onde non houbo tregua para foi na Coruña e en Vigo. En Alvedro os catro meses pecharon con reducións de tráfico do 15,5%, 31,9%, 29,5% e 37,4%, respectivamente. Non é mellor o panorama en Peinador, con perdas do 20,1%, 19,2%, 24,1% e 23,2%.

 

 

Avión estacionado no aeroporto da Coruña © Aena Aeropuertos
Terminal aeroportuaria de Vigo © Aena Aeropuertos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.