"Vai pagar unha empresa podendo pedir os MW a Madrid gratis?"

Ángel Bernardo Tahoces © Xunta

O Ministerio de Industria decidiu suprimir as primas da enerxía renovable para loitar contra o déficit de tarifa. Ese foi o argumento do que botou man o ministro desta carteira, José Manuel Soria, nunha decisión que supón, segundo a asociación Ventonoso, a fin do concurso eólico galego. A Xunta de Galicia, a través de diversas comparecencias e despois de ter presentado unha proposta alternativa en Madrid, considera que aínda é viable un procedemento que pretendía captar máis de 3.000 millóns de euros para Galicia. Pero o sector, especialmente as pequenas empresas eólicas, non cambiou de parecer. Ao seu entender, o concurso do Goberno galego non ten futuro.

"Pretender restar importancia á supresión das primas é unha fuxida cara adiante", salienta José Antonio Diéguez, de Ventonoso. No sector eólico galego pensan que calquera concesión, como a que pretende lograr a Xunta en Madrid (mantemento de certas primas en función da rendibilidade dos parques), é "só un aterraxe suave". 

Estratexia negociadora

"A proposta presentada é o prezo de mercado" e non suporía, de aceptarse, "diferenza algunha respecto da lei aprobada por Madrid", incide Diéguez. De aí que os coñecedores do panorama enerxético galego consideren que as grandes empresas, sobre todo eléctricas, preferirán negociar directamente co Goberno estatal e non co autonómico. "Eu son un promotor eólico e que fago? Pido os megavatios á Xunta, pagando canon e plan industrial, ou a Madrid gratis?", ilustrou Diéguez a preguntas de Praza.

Tanto nas empresas como nos colectivos do agro cren que haberá un "paréntese" de entre tres ou catro meses, no cal continuarán todos os procedementos. "Os papeles van cumplimentarse, nunca sabes o que vai pasar nun futuro", apuntaron desde o sector en relación aos trámites a seguir por parte das adxudicatarias do concurso da Xunta. "Pero non hai financiamento". De feito, destacaron que "hai 1.000 megavatios sen desenvolver desde fai anos", circunstancia que vinculan directamente á falta de investidores, non de eficiencia enerxética ou de primas.

Para Diéguez non basta con vincular o mantemento dalgunhas primas á eficiencia dos parques. "Claro que Galicia é eficiente. Pero un megavatio da Xunta costa 2,3 millóns, e se o tramitas a través de Madrid non che costa nada" e "non tes que monetarizar nin poñer en marcha plan industrial algún". Para Ventonoso, por último, non tería sentido que desde Industria se permitise unha modificación da lei só para recoller as demandas da Xunta. "A lei (polo decreto 1/2012) non se vai modificar, e tampouco se podería cambiar polas circunstancias específicas de cada comunidade", sentenciou Diéguez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.