Alemaña parabeniza o Goberno español polos seus "impresionantes" recortes

Feijóo e De Guindos, na Cidade da Cultura © Xoán Crespo

Hora de pasar revista. Nun coñecido hotel compostelán de catro estrelas, coñecido pola súa tranquilidade e o seu spa, o ministro alemán de Finanzas, Wolfgang Schäuble, revisoulle os deberes ao seu homólogo español, Luis de Guindos. Non se celebraba na capital galega un foro da Unión Europea ou do Goberno español, senón unhas xornadas da conservadora Fundación Konrad Adenauer baixo o título Reaxustando a relación entre Europa e os Estados nación - As leccións da crise. Para poñer a lupa sobre as tarefas do Executivo de Mariano Rajoy a entidade organizou unha mesa redonda específica, A axenda española de reformas e o seu impacto na UEna que compareceron De Guindos, a vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría e o titular de Exteriores, José Manuel García Margallo. E Schäuble saíu "impresionado".

Tras coñecer detalles dos denominados Programa de Estabilidade e Programa Nacional de Reformas o enviado de Merkel non o dubidou. O que está a facer o Goberno do PP é "verdadeiramente impresionante". A reforma laboral, os recortes sanitarios e educativos ou as novas privatizacións que, adianta De Guindos, chegarán en cuestión de días, son para o ministro alemán a mostra do que "é necesario facer", medidas tomadas para que "o barco tome o rumbo adecuado" e que se enmarcan nunha axenda con carácter europeo. Así e todo "os mercados seguen nerviosos" e iso "non podemos modificalo", di Schaüble. A crítica situación económica só "cambiará", e farao "por si soa" se "conseguimos convencer os mercados da corrección das medidas tomadas, se os convencemos manténdonos firmes nestas decisións".

Schaüble ve "impresionante" o labor do Goberno central e rexeita "facer depender dunhas eleccións" a axenda de recortes

E é que para o ministro económico de Merkel non valen cambios, tampouco se as eleccións francesas -ás que o encontro celebrado en Compostela lles dedicou un apartado específico- sitúan o socialista François Hollande como novo presidente. "Os tratados que asinamos" na UE "respéctanse" e "non é o costume europeo facer depender isto dunhas eleccións, porque Europa non podería funcionar así", sentenza. Non obstante, e malia insistir en que non hai troco que valla, Wolfgang Schäuble engade que "agora chegou o momento de formular medidas de estímulo ao crecemento". "Non é ningunha novidade", insiste, aínda que lanza unha argumentación impensable hai poucos meses en calquera responsable dos conservadores europeos: "non só necesitamos consolidación fiscal, senón que a necesitamos para algo, para xerar crecemento sostible" porque é a mellor vía para "un emprego sostible", para que "poidamos superar o problema do desemprego xuvenil", exemplifica. Na mesma liña, o ministro español segue o explicado polo seu colega alemán. "Non hai  ningunha confrontación" entre a "ineludible" redución do déficit público e o crecemento, mantén. Os estímulos chegarán -trataranse no Consello Europeo de xuño- dende a UE pero tamén dende Madrid, "aí están as reformas económicas" do Estado. O seu obxectivo non é outro que "fomentar a competitividade" e "incrementar a flexibilidade" para a "recuperación do crecemento", asegura.

'Banco malo', novas "liberalizacións" e eloxios a Feijóo

De Guindos abre a porta ao 'banco malo', unha vía que Novagalicia xa aplicou a través da súa Unidade de Xestión de Activos Singulares

Pero mentres eses estímulos ao crecemento van chegando, a orquesta das reformas segue tocando. Ante Schäuble e a preguntas dos xornalistas De Guindos adianta, ao seu xeito, por onde pode ir o camiño nun dos cernes da cuestión, o sector financeiro. Unha das explicacións que lle deu ao ministro alemán foi a da reforma financeira e o seu "obxectivo de incrementar as provisións pola exposición ao risco inmobiliario" e de propiciar a "integración" de entidades pola vía da "fusión" ou da "adquisición". Neste escenario, e cunha "valoración correcta" do valor dos bancos e caixas, o ministro de Economía non desbota a "posibilidade de separar os activos inmobiliarios dos balances bancarios", isto é, sen dicilo, crear un dos coñecidos como banco malo, un artefacto financeiro que pode ter a forma legal de fondo de investimento e que queda, por exemplo, cos créditos hipotecarios que as entidades bancarias consideran de dubidoso ou imposible cobramento. Esta é a vía que empregou por exemplo a actual Novagalicia Banco. Traspasoulle ao seu banco malo, denominado Unidade de Xestión de Activos Singulares, os seus activos tóxicos e rematou 2011 con case 200 millóns de euros en perdas.

Na mesma axenda reformista inclúe de Guindos as novas "liberalizacións" que poucas horas antes anunciara a vicepresidenta Sáenz de Santamaría dun xeito pretendidamente casual á súa chegada a Santiago. Vanse "liberalizar determinados servizos de transporte" e "infraestruturas" para que "sexan moito máis económicos para os cidadáns" e "poidan continuar nunha senda de modernización na liña do que fixeron outros países europeos". Pouca explicación máis pola banda da vicepresidenta e tamén pola de De Guindos que, non obstante, ao ser cuestionado polas palabras de Sáenz de Santamaría, pronunciou unha das verbas tabú. Trátase de "liberalizacións" pero tamén de "privatizacións", que tentan "facer máis eficiente o sector público" pero tamén "dinamizar a actividade do sector privado" pola vía do "investimento" en ámbitos que antes estaban "pechados", restrinxidos ao sector público, evidencia.

O ministro de economía admite que as reformas en infraestruturas e transportes inclúen "privatizacións"

Fronte á leve discordancia no lanzamento do globos sonda, ambos ministros si argumentaron de xeito máis harmonioso á hora de eloxiar o presidente da Xunta ante a prensa galega. A menos dun ano das eleccións autonómicas Sáenz de Santamaría define a Alberto Núñez Feijóo como un "pioneiro" que está "á vangarda" da austeridade. Pola súa banda, De Guindos, abonda na gabanza. A Xunta "aplicou con seriedade e rigor os principios de equilibrio fiscal", non ten "debedores acumualados", pódese seguir endebedando e non precisa que o Estado lle inxecte "liquidez". "Unha posición bastante única", asegura.

Wolfgang Schaüble, ministro alemán de Finanzas © Goberno de Alemaña

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.