O BNG pide “nacionalizar” NGB e Feijóo acusa o Banco de España de poñerlle “pedras no camiño”

Novagalicia Banco © NGB

Nacionalización ou creación de cero para que o crédito flúa e chegue ás familias e ás pemes galegas. Esa son as dús opcións que o BNG propón para o futuro da entidade financeira galega. O Bloque defende a necesidade de que o país conte cun instrumento financeiro propio e ante os temores de que Novagalicia Banco (NGB) sexa poxada, aposta por “nacionalizar” o banco “por interese xeral” ou crear “de cero” unha entidade pública galega que contaría para o inicio cuns recursos de arredor de 500 millóns de euros. A terceira opción sería “abandonar o proxecto” de NGB e sobre a súa base e o seu capital “infravalorado”, “reconstruír unha nova caixa de aforros”.

"Hai que nacionalizar NGB por interese xeral ou crear de cero unha entidade pública galega"

Foron o economista Xavier Vence e o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez os que presentaron estas propostas. En canto á “nacionalización”, apostan por transformar as participacións no FROB por decreto lei e compensar á caixa e aos investidores privados. Desde ese momento, aclara, o banco converteríase xa nunha sociedade anónima pública. Sería unha conversión que requiriría “dun acordo político” entre o Estado e a Xunta para que  que houbese unha cesión da representación do capital público á Administración autonómica ou a outras institucións públicas galegas.

Esta cesión debe "entenderse e xustificarse", a xuízo dos nacionalistas, como un paso "normal" baseado sobre criterios de subsidiariedade e territorialidade da propia entidade. Con todo, esta opción presenta dous camiños posibles, segundo o documento presentado. Por unha banda, manter o control público pero dando entrada tamén a capital privado. "O ideal sería que o Estado, a comunidade galega e a caixa tivesen unha participación total igual ou superior ao 50%. Tería como resultado un banco público de carácter galego”. A segunda opción consistiría nunha "estratexia de nacionalización" para que a Xunta entrase no capital da entidade cunha achega parcial minoritaria pola que podería desembolsar 600 millóns de euros que lle concedesen unha participación aproximada do 23 %. Con este investimento, o Estado tería que manter un 21% do capital que, sumado ao que ten a caixa (7%) concentrarían o 51% das accións no seu poder. O resultado: “un banco público con control galego”.

"Fronte ao desastre financeiro no que nos meteron, hai que apostar pola banca pública"

En canto á opción de crear unha nova banca pública, o BNG propón "en lugar de nacionalizar Novagalicia", asumindo con recursos públicos a desvalorización dos activos danados, proceder a "crear ex novo unha entidade pública que arrincaría cunha dotación moito menor pero con solvencia moi superior", na medida en que "non arrastraría" as débedas e activos danados.

Xavier Vence indicou que para iso, o volume de recursos habería que "valoralos segundo as circunstancias e o momento", pero que poderían estar ao redor dos 500 millóns de euros, o cal "permitiría pór en marcha unha banca pública con dimensión suficiente para poder cumprir unha función relevante dentro do sistema financeiro galego".

"Fronte ao desastre financeiro ao que nos someteron, nós hoxe dicimos que hai que apostar pola banca pública galega", proclamou Guillerme Vázquez, quen cualificou de "fracasada" a política do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, respecto do sector.

Oficina de Novagalicia Banco na Coruña © NGB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.