Gowex asumiu a wifi de Ourense cando xa falsificaba as súas contas

Portada do informe de Gotham e mención a Ourense CC-BY-SA Praza Pública

O pasado día 6 a empresa tecnolóxica Gowex, con sede en Madrid, remitíalle un feito relevante ao Mercado Alternativo Bursátil (MAB) para admitir que "as contas da sociedade de, cando menos, os últimos catro anos, non reflicten a súa imaxe fiel". A que fora presentada como unha startup modélica por, entre outros, o Goberno de España, rendíase así ante as evidencias e deixaba de cualificar de difamación, como fixera durante varias xornadas, o informe da consultora estadounidense Gotham City que a acusaba de falsidade no 90% das súas vendas e de incluír nas súas contas oficiais ingresos que non existen. Neses anos de falsidade presentada como suposto crecemento meteórico Gowex estendeu os seus servizos de redes sen fíos por múltiples cidades, entre elas, Ourense.

A peculiar entidade americana -Gotham City é vista con receo en ámbitos financeiros por divulgar informes sobre malas prácticas de empresas de cuxas caídas bursátiles se beneficia- explicou as súas conclusións sobre Gowex utilizando como referente unha firma galega: Pescanova. Let’s Gowex: a Pescanovan Charade, titulou o seu dossier, en cuxa cuarta páxina lanzaba varios augurios. Entre eles, aseguraba que os títulos de Gowex valían "cero euros" e que a súa cotización ía ser "suspendida", como antes o fora a de Pescanova. Isto vén de acontecer.

No seu documento Gotham analiza datos económicos e outros case pintorescos para amosar as vergoñas da empresa española, tales como unha fotografía do seu máximo responsable, Jenaro García, amosando as vistas dende unha sede da empresa en Nova York que non existe ou eloxios públicos á calidade do wifi lanzados por supostos cidadáns anónimos que realmente eran empregados da propia Gowex. No mesmo informe Gotham recolle algunhas das operacións que Gowex amosa como "casos de éxito" da súa expansión. Entre elas figura a concesión da rede wifi municipal do Concello de Ourense.

En marcha dende 2010 e renovada en 2013

O proxecto denominado Ourense Wifi botou a andar en decembro de 2010 con algo máis de medio cento de puntos de acceso repartidos por arredor do 30% do municipio, segundo datos da empresa. Ofertar conexión a internet sen fíos salvando as limitacións das autoridades da competencia foi un dos proxectos estrela do goberno local ourensán no anterior mandato e con este obxectivo sacou a concurso o servizo. A concesión recaeu en Gowex, cunha duración de tres anos e a cambio dun canon de 70.000 euros. Como nas demais cidades nas que conta con proxectos coma este, Gowex ten dereito a incluír publicidade a través da súa rede e ofrece un servizo premium por 8 euros ao mes.

O Concello de Ourense ten contrato con Gowex ata 2016

A evolución do wifi ourensán foi desigual e así, mentres algunhas das persoas usuarias manifestaban queixas pola baixa calidade do sinal outras amosábanse satisfeitas e o proxecto recibía en 2012 o recoñecemento de Google mentres, en 2013, superaba xa as 13.000 inscricións. O 2013 foi, precisamente, o ano no que expirou a concesión de Gowex e no que o consistorio volveu sacar a concurso o servizo. A única empresa que optou á concesión foi a propia Gowex, desta volta cun canon anual de 33.832,81 euros e de novo por tres anos, segundo consta no contrato asinado o 21 de novembro dese ano. Así as cousas, Ourense terá que estar ligada a Gowex cando menos ata 2016.

García asegurou negociar con outros concellos galegos

"Negociamos con outras capitais galegas", afirmou Jenaro García a finais de maio

Aínda que só ten en marcha a wifi municipal de Ourense e un punto de acceso dunha empresa privada na Coruña o conselleiro delegado de Gowex aseguraba hai poucas semanas que estaba a negociar con outros concellos de Galicia. Fíxoo no marco dunha conferencia impartida o pasado 30 de maio na Escola de Negocios Novacaixagalicia de Vigo, na que falou, precisamente, do xeito de triunfar na bolsa en plena crise económica. "En Ourense hai unha rede extensa dende 2010" e "negociamos con outras capitales galegas", afirmou Jenaro García nunha entrevista en La Voz.

"Facémonos socios do concello por 10 anos e explotamos os servizos conxuntamente", sinalaba García naquela entrevista, obviando que, por exemplo, o contrato ourensán é de tres anos. Nesa mesma visita a Galicia o líder de Gowex declaraba a Atlántico Diario estar "moi contento" pola marcha en bolsa dunha empresa cuxo proxecto era "o wifi en todas as cidades do mundo". En 2020, afirmaba, os seus servzios ían ser empregados polo "20% da poboación mundial". "Converterémonos no meirande operador do mundo", afirmaba.

Lanzamento da wifi de Gowex en Ourense © Gowex
Tríptico da wifi de Ourense © Gowex
Puntos do wifi municipal de Ourense, no mapa de Gowex © Gowex

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.