As eivas do Observatorio Europeo do Leite

Observatorio do Mercado Europeo do Leite © SLG

A Comisión Europea vén de lanzar un novo Observatorio do Mercado Europeo do Leite co obxectivo de aumentar a transparencia no sector e achegar datos precisos sobre prezos, marxes, produción, reservas e perspectivas de futuro que axuden aos produtores na toma de decisións comerciais. E chega este mecansimo a menos dun ano da fin das cotas lácteas que levan vixentes 30 anos e que rematarán o 31 de marzo de 2015.

O Observatorio pretende "anticipar crises e articular instrumentos de intervención" por parte da UE ante elas

"O auténtico valor engadido do observatorio estará no exame construtivo das diferentes análises de mercado", asegurou o comisario de Agricultura, Dacian Ciolos, que presentou ás organizacións europeas que formarán parte do Consello do Observatorio o que considera unha ferramenta importante para "anticipar crises e articular instrumentos de intervención" por parte da UE ou da Dirección Xeral de Agricultura para facerlles fronte.

O Sindicato Labrego Galego (SLG) será unha das organizacións que formará parte do Consello do Observatorio. A súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, participou na xuntanza do pasado mércores, onde subliñou a importancia deste mecanismo, pero onde tamén deixou claras as eivas que, na súa opinión, terá de seguir polo camiño marcado. Así, subliñou a necesidade de incluír outros parámetros de análise como a evolución dos custos de produción, xa que "ten tanta importancia como coñecer a evolución dos prezos".

O SLG reclama que se analice a evolución dos custos de produción, ao ter "tanta importancia como a dos prezos"

Ademais, Vilalba tamén cre incompleta a análise dos volumes de produción do Observatorio se non inclúe datos referentes á estrutura deses volumes, como a procedencia xeográfica e o número e dimensión das explotacións que producen ese leite. "De non facerse isto, poderíase dar o caso de que na UE se mantivese, a nivel global, un volume regular de produción, ao mesmo tempo que pechasen miles de explotacións e desaparecese a produción leiteira de rexións enteiras por mor de concentrarse ese volume nun número reducido de granxas industriais con miles de cabezas de gando", aclarou para advertir dos perigos de non facer análises máis detalladas e territorializadas.

Vilalba pide que se inclúean datos da procedencia xeográfica e a dimensión das explotacións, así como mellorar os instrumentos de invertención no mercado

A secretaria xeral do SLG tamén chamou a atención sobre a necesidade de mellorar os instrumentos de intervención no mercado da Comisión Europea e da Dirección Xeral de Agricultura para facer fronte a crises: “A nosa preocupación básica”, explicou Isabel Vilalba, “é que precisamos ferramentas áxiles para anticiparnos a situacións de prezos baixos ou volátiles que poidan provocar a ruína das explotacións". De feito, os instrumentos de intervención que utiliza a Comisión Europea ou a Dirección Xeral de Agricultura fronte a situacións problemáticas -almacenamento privado, intervención de mercado con compras públicas de excedentes de leite, queixo, manteiga,etc.- "non deron evitado grandes crises como a de 2009, que foi dramática para o sector en toda a Unión Europea", destaca a secretaria xeral do sindicato, que considera "deficietnes" estas ferrametnas, xa que os prezos de intervención "adoitan ser moi baixos e non compensan os custos de produción na profesión”.

Así, tanto o SLG como a Coordinadora Europea da Vía Campesina, consideran que o Observatorio debe incluír novos parámetros de análise "para obter unha imaxe máis real do mercado leiteiro e anticipar mellor as situacións de crise e, en caso de que se dean estas, ter ferramentas de intervención máis efectivas que regulen o mercado en lugar de poñer cartos públicos para mercar a baixo prezo excedentes de produción, como se fixo até o de agora sen dar evitado a ruína de miles de explotacións".

Observatorio do Mercado Europeo do Leite © SLG
Isabel Vilalba, no Observatorio do Mercado do Leite © SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.