Os produtores ecolóxicos destacan o "crecemento imparable" do sector

Presentación da Memoria do ano 2013 do CRAEGA CC-BY-SA Praza Pública

"Crecemento constante e imparable". Así resumiu José Antonio Fernández, presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), visiblemente satisfeito, o balance do sector no ano 2013, no que "non só se resistiu a crise, senón que se creceu". O volume de negocio sitúase nos 26 millóns de euros, crecendo ao redor dos dous millóns; a superficie certificada increméntase nun 3%, até as 15.670 hectáreas (sobre todo na Coruña e Lugo, cun descenso en Ourense); e o número de produtores e comercializadores inscritos tamén se eleva nun 8%, até os 656. Ascensos que se unen aos que o sector vén rexistrando dende a creación do Craega en 1996, un tempo no que estes produtos pasaron de ser exemplos illados e cunha penetración anecdótica no mercado, até constituír unha industria consolidada e cun gran potencial de crecemento.

Neste 2013 destaca o crecemento das conservas (xeraron un 50% máis de ingresos), o mesmo que a recollida de castañás e mazás (+84%), acuicultura e algas (+187%), froita (+222%), produtos apícolas (+55%) e hortalizas (+39%)

Galicia produce todo tipo de produtos con certificación ecolóxica, sobre todo leite e derivados (que representan un terzo do volume económico total), seguido de carne, conservas de peixe (cun grande ascenso nos últimos anos), castañas, mazás, ovos ou pensos. Neste 2013 destaca o devandito crecemento das conservas (xeraron un 50% máis de ingresos), o mesmo que a recollida de castañás e mazás (+84%), acuicultura e algas (+187%), froita (+222%), produtos apícolas (+55%) e hortalizas (+39%). Un dos poucos produtos que descendeu foi, precisamente, o leite, que facturou un millón de euros menos en 2013, debido en boa medida ás dificultades para que os gandeiros puidesen cobrar as axudas da PAC, un obstáculo xa solucionado, polo que os responsables do Craega auguran un incremento notable da produción de leite ecolóxico en 2014.

Tanto José Antonio Fernández coma a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, destacaron o "gran potencial de crecemento" que a produción ecolóxica ten en Galicia, polos "valores" do clima os solos en Galicia, e pola "boa consideración" destes produtos en toda Europa. Quintana salientou a este respecto que a agricultura e a gandaría ecolóxica supoñen unha "grande oportunidade de traballo" na terra para os mozos e mozas galegas.

Unha parte importante da produción ecolóxica galega destínase ao seu consumo no exterior, tanto no resto de España coma no estranxeiro, onde vai destinada máis dunha terceira parte do total. Porén, nos últimos tres anos o consumo destes produtos en Galicia elevouse nun 20%, segundo o Barómetro Percepción e consumo de alimentos ecolóxicos en Galicia, elaborado polo propio Craega. Este estudo salientaba a percepción positiva que os consumidores tiñan da agricultura, acuicultura e a gandaría ecolóxicas, nos que destacaban sobre todo a súa calidade e o feito de coñecer a súa procedencia e proceso de produción. A investigación sinalaba igualmente que o 60% eran adquiridos xa en grandes superficies comerciais, cunha importancia crecente das marcas brancas de produtos ecolóxicos.

"No momento en que cheguemos á metade da media de consumo por habitante de Alemaña, aumentará moito a produción", e nese momento, cando a produción sexa maior, "os prezos igualaranse aos dos produtos non certificados"

Os produtos ecolóxicos teñen fama de caros, e esa é a realidade nunha análise global. O presidente de Craega explicaba nunha entrevista en Praza hai uns meses que "a produción ecolóxica ten que ser máis cara, pois as certificacións que facemos teñen un custe, hai que pagar as análises e as persoas que as realizan". Porén, tamén apuntaba que isto non sería así no caso de haber axudas públicas para estas auditorías de calidade, moi recortadas nos últimos anos. E, sobre todo, explicaba que o prezo máis elevado dependía unicamente do volume de produción: "No momento en que cheguemos á metade da media de consumo por habitante de Alemaña, aumentará moito a produción", dicía, e nese momento, cando a produción sexa maior, "os prezos igualaranse aos dos produtos non certificados". De feito, non sempre os produtos ecolóxicos teñen que ser máis caros, pois en moitos casos as súas curtas canles de comercialización que eliminan a figura dos intermediarios, abaratan moito os prezos, deixando os prezos ao mesmo nivel que os produtos non certificados.

Postos da feira ecolóxica © Terractiva
Produtos de gandaría ecolóxica © Craega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.