Debe a Xunta exaltar os viños de Rioja?

Castro (esquerda) no acto de exaltación dos viños de Rioja © Denominación de Orixe Rioja

O pasado febreiro a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, era unha das convidadas a un acto celebrado no Hostal dos Reis Católicos de Santiago e dirixido polo presidente do Consello Regulador dos viños de La Rioja, Luis Alberto Lecea, e polo Gran Maestre da Confraría do Viño de Rioxa, Javier Gracia. "Pola súa traxectoria como defensora do Rioja" Castro ía ser nomeada Cofrade de Mérito da devandita Confraría xunto ao director do Parador compostelán e ao presidente dunha asociación turística portuguesa. O acto pasou practicamente desapercibido en Galicia, pero a Xunta viuse obrigada a dar conta del no Parlamento.

Naquel acto de febreiro Lecea eloxiou a "vinculación histórica" entre La Rioja e Galicia. Non en van, explicou, o territorio galego "é para a nosa Denominación un dos seus mercados máis importantes, sobre todo cualitativamente e en valor, xa que os tintos de rianza, reserva e gran reserva acadan aquí maior cota de vendas que noutras rexións". O seu obxectivo, di, é manter a "fidelidade da hostalería galega" aos viños riojanos para "seguir liderando o mercado". Procede, neste contexto, a participación tan destacada da máxima representante do turismo galego e, polo tanto, tamén dos atractivos gastronómicos e vitivinícolas do país?

O BNG pediu explicacións no Parlamento por este "insólito" acto, no que ve un "desprezo" ao sector do viño galego

Para o grupo parlamentario do BNG "resulta insólito" que Castro, "non conforme con asistir" ao acto, xurase "solemnemente, coa súa man sobre unha botella de viño de dita denominación, a súa fidelidade ao viño da Rioxa". "Resulta cando menos esperpéntico que nunha nación como a galega, na que o sector vitivinícola conta con cinco denominacións de orixe, que están facendo un inxente esforzo para que os seus viños sexan identificados como produtos de elevadísima calidade, altos cargos do Goberno participen de forma activa e destacada nun acto que tiña como finalidade potenciar o mercado galego para os viños da Rioxa". Para o Bloque esta foi unha "actuación irresponsábel", ademais dun "claro desprezo" para o sector do viño galego polo que Turismo ten que responder.

A Xunta defende que Castro foi "comendadora polo Camiño de Santiago"

Esa resposta entrou no Rexistro do Parlamento o pasado 25 de marzo e nela, ademais de debullar as iniciativas do Executivo relacionadas coa promoción dos viños galegos, Turismo xustifica a asistencia de Nava Castro ao acto. Alí, di o Goberno, a directora de Turismo "foi comendadora polo Camiño de Santiago, un dos nosos produtos estrelas que nos identifica internacionalmente e que dá a coñecer a nosa terra a cada un dos millóns de peregrinos que proveñen de todos os continentes. "Como gran defensora do turismo de Galicia -di a Xunta- aproveitou a súa intervención para enxalzar estes recursos que nos fan especial: O Camiño de Santiago e os viños de Monterrei, Valdeorras, Ribeira Sacra, Rías Baixas e O Ribeiro".

Senra recibiu duras respostas por defender a "soberanía alimentaria" galega

Esta resposta da Xunta ao BNG cadra no tempo coas duras respostas recibidas pola candidata de Anova ás eleccións europeas, Lidia Senra, tras realizar unha defensa da "soberanía alimentaria" galega nunha entrevista televisiva. Nesa entrevista a histórica sindicalista agraria defendeu, entre outros aspectos, a necesidade de primar a defensa dos viños propios no país fronte aos doutras denominacións.

Castro (esquerda) no acto de exaltación dos viños de Rioja © Denominación de Orixe Rioja

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.