Éxito na primeira xornada de folga na FNAC

Concentración dos e das traballadoras ás portas da tenda, o pasado sábado © FNAC sigue en lucha

A primeira xornada da folga intermitente convocada polos traballadores e traballadoras da FNAC na Coruña saldouse cun completo éxito. Dos 50 empregados cos que conta a tenda, só acudiron ao seu posto dous directivos, dous traballadores eventuais e un único traballador contratado de forma estable. A consecuencia foi que o establecemento abriu, pero sen empregados, e polo tanto non puido realizar ningunha venda até que ás catro e media da tarde se decidiu situar un dos traballadores eventuais á fronte dunha caixa. Ademais, as portas pecháronse unha hora antes do habitual.

Fronte á tenda, na popular e transitada praza de Lugo, os e as traballadores situáronse durante todo o día con faixa que facían referencia á "precariedade" que din sufrir e á "cultura do medo" que denuncian está instaurada na empresa. Tamén reivindicaron con carteis e octavillas a readmisión dunha das súas compañeiras, despedida recentemente. “Facemos unha valoración moi positiva, tivemos un apoio masivo e conseguimos todos os nosos obxectivos. Abriu, pero non puido facer caixa até as catro e media da tarde, foi un pouco ridículo", destaca un dos representantes dos e das traballadoras en folga, Santiago Calderón, que conclúe que "forzamos a empresa a que tomase nota". Calderón destaca igualmente a “comprensión e empatía cos nosos problemas" recibida por parte da maior parte dos clientes da FNAC, "tamén a través das redes sociais”. Como nota curiosa, mesmo o alcalde coruñés, Carlos Negreira, achegouse a falar con empregados e empregadas concentrados ante a tenda.

O establecemento abriu, pero sen empregados, e polo tanto non puido realizar ningunha venda até que ás catro e media da tarde se decidiu situar un dos traballadores eventuais á fronte dunha caixa

A folga repetirase o vindeiro sábado 29 e continuará así, todos os sábados, de forma indefinida. Esta semana, ademais, uniranse os e as traballadoras de máis da metade das tendas de toda España, entre elas as de Murcia, Madrid, Barcelona, Bilbao, Zaragoza e Valencia, nalgúns casos con folgas dun día, coma na Coruña, e noutros con paros parciais de dúas horas. Nestes momentos están renegociándose as condicións laborais de todo o cadro de persoal, e os e as traballadores demandan unha mellora "ou, cando menos, deixar de perder dereitos", como sinala Santiago Calderón.

Nun comunicado difundido hai uns días as e os traballadores da FNAC da Coruña din estar "fartos de ver como os beneficios da súa empresa crecen cada ano, mentres aumenta a precariedade laboral e minguan os salarios" e de que "o traballador a tempo completo" sexa "unha especie en extinción" e con soldos que non superan os 900 euros, cunha absoluta falta de "conciliación familiar". “A política da empresa sempre se encamiña a reducir horas. Se despiden unha persoa que traballa 40 horas, contratan outra que traballa 30, e a maior parte está a media xornada, con horarios tan cambiantes que fan imposible compatibilizar este traballo con outros", sinala Calderón. Naquel comunicado tamén subliñaban que a empresa "espreme a reforma laboral ao límite mentres ingresa millóns".

A folga repetirase o vindeiro sábado 29 e continuará así, todos os sábados, de forma indefinida. Esta semana, ademais, uniranse os e as traballadoras de máis da metade das tendas de toda España

O domingo, ademais, celebrouse a primeira das actividades culturais que terán lugar en paralelo con esta folga intermitente, e que servirán tanto para difundir as reivindicacións dos traballadores, coma para recadar unha pequena cantidade de cartos que sirva para alimentar unha caixa de resistencia. Cantautores (como Fran Castro, Pedro Granell, Eugenia Primrose e Julio Trice) e DJs (como Dani Peligro, Martín, Analís e Xan Barral) actuaron no Uptown Bar da rúa San Roque, a carón da Praza de España, nunha sesión vermú na que tamén se leu un manifesto pola dignidade dos traballadores e traballadoras e pola fin da precarización laboral. 

A FNAC abriu as súas portas, pero a folga impediu que se realizasen compras © FNAC sigue en lucha
O persoal pedía a readmisión dunha compañeira e a mellora das súas condicións laborais © FNAC sigue en lucha

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.