Guía para vivirmos ben nun mundo sen petróleo

Capa do libro CC-BY-SA Véspera de Nada

Xosé Veiras debulla n'Un claro no bosque, o blog sobre ecoloxismo social e biodiversidade de Praza Pública, o libro promovido pola asociación Véspera de Nada sobre a fin do petróleo "abundante e barato".

Isto non é un anuncio dun libro. Pretende ser unha reseña. Mais o libro non é un libro calquera. É un  libro que non debería faltar en ningún fogar galego. A Guía para o descenso enerxético da asociación Véspera de Nada sitúanos perante unha realidade que nos queren agochar (e non queremos ver), mais que vai mudalo todo: o teito ou cénit do petróleo (o peak oil), o fin da era do petróleo abundante e barato. Ou, por outras palabras, a crise enerxética, que é tamén a crise climática, parte da crise ecolóxica global que nos trouxo o crecemento exponencial do consumo e da poboación rexistrado durante as últimas décadas, imposíbel sen ese fabuloso recurso que é o petróleo.

En Galicia apenas se fala da crise enerxética, malia ser un aspecto chave da actual crise económica, que ten moito a ver coas consecuencias dos prezos históricos que atinxe o petróleo desde 2005 e sobre todo desde 2007. E mentres a crise enerxética avanza, moita xente acredita no mito do “excedente enerxético” de Galicia, e facemos como se máis do 80 % da enerxía que usa a nosa economía –falamos de enerxía primaria, non de electricidade- non procedese de combustíbeis fóseis importados, maiormente petróleo. Un feito que nos coloca nunha posición moi vulnerábel e, non o esquezamos, tamén moi insolidaria, pois xera unha enorme débeda ecolóxica co resto da humanidade. Débeda que, esta si, estamos moralmente obrigados a recoñecer e restituír na súa totalidade.

Facemos como se máis do 80 % da enerxía que usa a nosa economía non procedese de combustíbeis fóseis importados

O declive na extracción de petróleo é un inevitábel fenómeno xeolóxico que reducirá dramaticamente a dispoñibilidade dun recurso esencial para o sostemento da economía produtivista capitalista. Unha dispoñibilidade que mermaría aínda máis se se quixese evitar unha mudanza climática perigosa, o que obrigaría a deixar baixo a terra e o mar a maior parte das reservas de combustíbeis fóseis.  O concepto de “reservas non extraíbeis” inspirou a fracasada iniciativa Iasuní-ITT, que na petrodependente Galicia tampouco suscitou apoios.

Menos petróleo equivale a menos enerxía, pois non hai recursos enerxéticos capaces de fornecer os enormes volumes de enerxía que nos dá o ouro negro. En Galicia e nos demais países sobredesenvolvidos estamos pois abocados a afrontar nas vindeiras décadas un descenso enerxético -ou mesmo un colapso- que diminuirá moito a actividade económica e a complexidade das nosas sociedades. Un reto descomunal que se complicará aínda máis por causa do previsíbel agravamento do cambio climático, da perda de biodiversidade e da escaseza xeralizada de recursos naturais, mais alá do petróleo. Chegamos a un punto no que seguramente o desenvolvemento sustentábel xa non é factíbel. Cómpre desde agora mesmo aumentarmos a resiliencia, preparármonos para satisfacer as nosas necesidades básicas da mellor forma posíbel nun contexto de crise ecolóxica aguda.

A guía ofrécenos propostas moi valiosas para nos adaptarmos individual e colectivamente a un escenario radicalmente diferente do presente

A Guía para o descenso enerxético, alén de nos explicar con rigor e claridade a impactante realidade do teito do petróleo e as súas consecuencias, ofrécenos propostas moi valiosas para nos adaptarmos individual e colectivamente a un escenario radicalmente diferente do presente, a unha sorte de tsunami a cámara lenta e silencioso que se está a  aproximar. Aborda non só os aspectos máis evidentes, coma o transporte, senón tamén outros menos obvios relacionados coa transición a un mundo con menor enerxía, como a educación e a saúde. Unha guía que trata basicamente de cómo actuarmos “para reducir ao mínimo a dependencia do sistema, loitando contra os atrancos que a civilización industrial pon para evitar que as persoas poidan vivir de maneira autosuficiente e reconectándonos co mundo natural e cos nosos semellantes”. Unha mudanza na que podemos perder algunhas cousas, mais coa que tamén temos  moito a gañar.

Seguir a ler n'Un claro no bosque

Capa do libro CC-BY-SA Véspera de Nada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.