A AP9 perdeu a cuarta parte do seu tráfico dende o inicio da crise

Peaxe da AP9 CC-BY-SA A Mesa

A AP9 perdeu un de cada catro usuarios dende 2007. O Ministerio de Fomento vén de facer públicos os datos oficiais de tráfico das autoestradas de peaxe, que confirman que a vía que comunica Ferrol coa fronteira con Portugal mantén a súa caída, por sexto ano consecutivo. No 2013 unha media de 20.156 condutores pagaron esta peaxe todos os meses, un 25,4% menos dos que o fixeron de media en 2007, 27.029, o que supuxo o máximo rexistro de vehículos desta vía.

Dende entón, as cifras foron descendendo ano tras ano (en 2013 outro 7%), o mesmo que os beneficios de Audasa. Porén, neste mesmo tempo o prezo das peaxes continuou crecendo, elevándose un 28% por riba do que custaban en 2007, e moi por riba do que o fixo o IPC ou os salarios neste tempo. Por poñer un exemplo, o 1 de xaneiro de 2008 viaxar de Vigo á Coruña custaba exactamente 12 euros, e agora custa 15,35. E este ano, despois da nova suba decidida hai unhas semanas, conducir de Ferrol a Tui xa ten un prezo superior aos vinte euros.

Ano Número medio de usuarios por mes
2001 19.904
2002 20.770
2003 21.958
2004 22.565
2005 23.581
2006 25.059
2007 27.029
2008 26.826
2009 26.500
2010 26.395
2011 24.711
2012 21.822
2013 20.156

 

"Estalle facendo un grave dano a toda Galicia"

Hai unhas semanas a plataforma Todos contra a suba das peaxes reiterou unha vez máis a súa denuncia polo elevado prezo desta vía fundamental para o desenvolvemento social e económico de Galicia. Nun escrito remitido a Audasa reclamáballe un descenso nas súas tarifas argumentando que “non só estades a prexudicar os cidadáns, senón que vos estades a prexudicar a vós mesmos”. Facían referencia aos cada vez menores beneficios económicos obtidos pola autoestrada, por mor do descenso no seu uso: dos 61 millóns de euros en 2009 e os 66 millóns en 2010 até os 9,8 millóns do primeiro semestre de 2013, tres veces menos que antes do comezo da crise.

"Preguntámonos se é que a concesionaria está mal asesorada, ou se é que xa se atopa inmersa nunha estraña espiral de prexudicar o cidadán -e a si mesma- e pretende, como se di coloquialmente, “morrer matando”, sinalaban. Esixían ademais que a empresa aplicase en Galicia os mesmos descontos aprobados noutras comunidades autónomas, até un 90% en Navarra para os usuarios habituais.

A Plataforma denuncia "que se lle está facendo un grave dano a toda Galicia, non só a nivel social, senón tamén a nivel económico, pois en vez de poder funcionar como un todo, creando sinerxías entre os principais núcleos económicos da comunidade, estásenos distanciando"

A Plataforma lembraba que a AP9 naceu como "eixo vertebrador" de Galicia, como consta na súa páxina web. Porén, din, "para os cidadáns esta continua e inasumible suba do prezo de cruzar de norte a sur ou de sur a norte a nosa comunidade autónoma, obrigounos a moitos a renunciar ao uso desta vía que, en vez de unirnos, estanos desunindo, até o punto de que en termos económicos, as cidades da Coruña ou Vigo está hoxe máis cerca de Madrid (por vía aérea) que entre si por estrada". A Plataforma denuncia "que se lle está facendo un grave dano a toda Galicia, non só a nivel social, senón tamén a nivel económico, pois en vez de poder funcionar como un todo, creando sinerxías entre os principais núcleos económicos da comunidade, estásenos distanciando e obrigando a xerar riqueza noutras zonas máis próximas, ben por estar conectadas por autovías libres de peaxe, ben por estar comunicadas por vía aérea a un prezo moito máis asumible".

  X F M A M X X A S O N D
2007 23.074 23.826 25.681 26.736 26.142 28.178 31.486 31.906 28.541 27.837 26.366 24.314
2013 17.935 18.476 18.966 19.882 20.220 21.428 24.250 25.140 21.961 20.626 17.133 15.683

Número de usuarios da AP9, por meses, en 2007 e 2013

Peaxe da AP9 CC-BY-SA A Mesa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.