As renovables desmontan o recibo da luz dos anuncios das grandes eléctricas

Publicidade de Endesa sobre o recibo da luz © A.G.

Iberdrola e Endesa aseguran nas súas publicidades que a maior parte do que paga o consumidor no seu recibo da luz corresponde a subvencións, impostos e axudas. Os anuncios comezáronse a publicar a finais de decembro, cando se coñeceu a poxa do 19 de decembro pola cal a luz ía subir a partir de xaneiro un 11%. O Goberno falou de manipulación e as grandes eléctricas, a través da patronal UNESA, déronse por aludidas e comezaron unha campaña de comunicación.

Pero as renovables ofrecen outros datos moi distintos. De acordo cos cálculos deste sector, en realidade o que se embolsan as grandes eléctricas é o 55% do que se paga no recibo. Para mostrar os seus cálculos, desagregan unha factura de 55,15 euros, a factura media ofrecida polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía.

Así, de acordo coa súa análise, "as grandes compañías eléctricas asumiron nas súas campañas como propios só os custos relativos ao transporte e a distribución, considerando o resto de compoñentes como alleos. Isto non é certo. A partida correspondente ao 'réxime especial' inclúe varios conceptos que teñen directamente que ver coa xeración de electricidade destas grandes compañías".

Que se inclúe nesta partida? "Inclúense as primas ás enerxías renovables (9% da factura), como á coxeración e ao tratamento de residuos (5,59%), primas que tamén reciben directamente as grandes eléctricas, tanto polos seus investimentos en enerxías renovables, como en coxeración ou tratamento de residuos", explican as renovables no seu estudo.

Desta maneira, segundo os seus cálculos, o 55% da factura vai directamente ás grandes eléctricas: 12,41%, para distribución; 14,22%, para enerxía; 8,18%, para apoio ás renovables de grandes eléctricas e un 19,68% para outros pagos. Dentro destes "outros pagos" están partidas como a moratoria nuclear, o carbón, o déficit de exercicios anteriores e a achega ao custo insular do réxime ordinario, entre outros.

Á marxe, están os impostos -como o IVE-, que suman un 22,67%. Outros custos, como o financiamento á poxa da luz (CESUR, 2,17%) ou a subvención á industria (1,66%), compoñen un 9% máis, "a mesma porcentaxe que corresponde ao total das primas para o desenvolvemento de todas as enerxías renovables independentes", explican.

Publicidade de Endesa sobre o recibo da luz © A.G.
Publicidade de Iberdrola sobre o recibo da luz © A.G.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.