Segue crecendo a pobreza en Galicia, sobre todo entre as xeracións máis novas

Manifestación contra a pobreza CC-BY Carlos Capote

Ao longo de 2012 seguiu incrementándose en Galicia a taxa de risco de pobreza, que pasa do 15,73% ao 16,45% e que acumula catro anos consecutivos de ascensos, dende o 13,88% que rexistrou en 2008, segundo os datos que recolle a Enquisa de condicións de vida das familias, publicados polo IGE. De igual xeito, no último ano creceu lixeiramente en Galicia a Taxa de risco de pobreza ou exclusión social (aquela que non chega ao 60% dos ingresos medios e ten, ademais, carencias severas de servizos fundamentais), pasando do 22,05 ao 23,58 por cento.

Chama a atención o incremento da taxa de pobreza e exclusión social entre os menores de 16 anos (pasa do 23,96 ao 27,35), nos que teñen entre 16 e 24 anos (pasa do 29,76 ao 31,69) e nos que se sitúan entre os 25 e os 49 (do 21,45 ao 24,14)

Porén, o que máis chama a atención é o incremento da incidencia entre os menores de 16 anos (pasa do 23,96 ao 27,35), nos que teñen entre 16 e 24 anos (pasa do 29,76 ao 31,69) e nos que se sitúan entre os 25 e os 49 (do 21,45 ao 24,14). Entre as sete cidades galegas, esta taxa é máis elevada en Ourense, Ferrol e Vigo, e sitúase por debaixo do vinte por cento en Compostela, A Coruña e Lugo. Hai uns meses Ángela Troitiño e Sebastian Villasante, profesores da Facultade de Económicas da USC, destacaban en Praza que a "precariedade laboral e desemprego estenderon a pobreza nas súas distintas versións" e que "a nova pobreza ten moito que ver co mal funcionamento do mercado do traballo: desemprego, salarios baixos". Concluían que "nun escenario de continuación de altas taxas de desemprego e salarios insuficientes, o máis probable é que a situación de desigualdade e pobreza se incremente e o benestar destas persoas se reduza notablemente"

Pola contra, ao longo de 2012 diminuíu lixeiramente a porcentaxe de fogares que aseguran chegar a fin de mes “con dificultade” ou con “moita dificultade”. A proporción de familias “con dificultade” mantense no 42,04% e as que recoñecen “moita dificultade” caen case un punto (do 15,26% ao 14,23%). Porén, esta mellor advírtese só nas provincias da Coruña e Pontevedra, mentres que a porcentaxe de fogares con limitacións económicas segue crecendo en Lugo e Ourense.

Ademais, ao longo de 2012 mantívose practicamente inalterable ingreso medio mensual dos fogares galegos, caendo dous euros, de 1.908 a 1906. Porén, mentres nas provincias da Coruña, Lugo e Ourense esta magnitude experimentaba un pequeno crecemento, en Pontevedra descendía case cincuenta euros, de 1.899 a 1.855. Santiago de Compostela, Lugo e Pontevedra son as urbes galegas cunha media de ingresos por fogar máis elevada, por riba dos 2.200 euros. Ourense e Ferrol son as únicas por debaixo de dous mil euros.

Dende 2007 disparouse a proporción de cidadáns que reciben prestacións, pasando do 27,43% ao 36,31%

Outro dato que chama a atención é que dende o ano 2007 descendeu notablemente a porcentaxe de galegos que obteñen os seus ingresos a través do traballo por conta allea (pasou do 57,10 ao 52,58 por cento) ou por conta propia (caeu dende o 13,14 ao 10,16%), e en cambio disparouse a proporción de cidadáns que reciben prestacións, pasando do 27,43% ao 36,31%. En Ourense e Lugo esta cifra rolda o corenta por cento. En paralelo, creceu a proporción de fogares nas que a maior parte dos ingresos proceden de prestacións, e que na actualidade representan o 44,74%, fronte ao 37% de hai cinco anos. En Lugo e Ourense este tipo de fogares xa supoñen máis do 50%.

Manifestación contra a pobreza CC-BY Carlos Capote

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.