Pobreza enerxética: o problema político de non ter para pagar a luz

Central de Belesar, explotada por Gas Natural Fenosa CC-BY-SA Merixo

O 18,3% dos fogares galegos "non teñen unha temperatura suficientemente cálida durante os meses fríos". Este dato, tirado da enquisa de condicións de vida do INE, sitúa a Galicia por riba da media estatal na dificultade para dotar as vivendas dun quecemento axeitado, situada no 17,9%, e está intimamente ligado co concepto de pobreza enerxética, empregado para definir a situación na que un fogar ten que investir máis do 10% dos seus recursos económicos para ter unha temperatura confortable. As baixadas de soldos, o desemprego e a vertixinosa escalada dos prezos da enerxía fan que este problema vaia saíndo aos poucos do interior das casas para converterse nun problema político.

Nos considerados anos de bonanza económica resultaba pouco menos que exótico abordar en público que unha persoa ou familia non tiña cartos suficientes para facerlle fronte, por exemplo, á factura da electricidade. Pero mentres non se falaba disto o importe do recibo da luz non deixou de subir. Así, en 2008 os fogares galegos gastaban unha media de 39,85 euros ao mes en electricidade e en 2011 -último dato dispoñible no Instituto Galego de Estatística- este gasto disparouse ata os 58,99 euros, máis dun 48%. Pero se a media é elocuente, os datos resultan especialmente rechamantes ao seren desagregados en función dos diversos treitos de ingresos.

Os fogares galegos que ingresan menos de 1.000 euros aumentaron un 57% o gasto en electricidade

Os fogares galegos que ingresan menos de 1.000 euros ao mes viron como en apenas catro anos os recursos que tiñan que destinar á electricidade experimentaron un incremento do 57,29%, pasando de 28,40 euros en 2008 a 44,67 en 2011. Aínda que en menor medida, tamén pagan máis se dependen do gas ou do gasóleo -de 55,91 a 58,71 euros mensuais- ou do butano, cun gasto medio mensual de 18,85 euros, un 7% máis que en 2008. Con estes números sobre a mesa e con dous de cada tres habitantes de Galicia chegando con dificultades a fin de mes, que cabe facer?

Gasto medio dos fogares galegos (fonte: IGE)
euros/mes 2008 2011
Gastos correntes 207,85 224,49
Auga 14,95 15,84
Electricidade 39,85 58,99
Gas/gasóleo 66,79 68,43
Butano 22,17 22,24

As "treguas invernais"

O Comité Económico e Social Europeo chama a xeralizar as "treguas invernais"

Mentres organizacións como a Asociación de Ciencias Ambientais estiman que arredor do 12% da poboación do Estado vive en situación de pobreza enerxética, un fenómeno que "aumenta o risco de sufrir certas enfermidades e de morrer prematuramente" o Comité Económico e Social Europeo (CESE), órgano consultivo comunitario equivalente ao Consello Económico e Social xa ve "urxente" que os gobernos actúen para "erradicar a pobreza enerxética". Nun informe recente este comité realiza unha panorámica da cuestión e formula un chamamento concreto: "garantir o subministro de enerxía aos fogares vulnerables en períodos estacionais sensibles", evitando "que os distribuidores interrompan o subministro enerxético en caso de dificultades de pagamento".

A petición do CESE non é outra que xeralizar en toda a UE as coñecidas como "treguas invernais", normas que impiden que as persoas con recursos económicos escasos fiquen sen subministro enerxético e, polo tanto, sen calefacción en pleno inverno por non poder pagar. Estas políticas xa se aplican no Reino Unido dende hai máis dunha década e, no caso do Estado español, parlamentos como o andaluz ou o catalán xa aprobaron ou dispóñense a aprobar normativas nun sentido semellante.

Veto do PP no Congreso

Este é o pano de fondo ante o que, este martes, o Congreso dos Deputados acolleu o debate de toma en consideración dunha iniciativa do grupo de Izquierda Plural para "previr a pobreza enerxética" a través dunha lei. A proposición, que contaba de antemán co apoio de toda a oposición, instaba o Goberno do Estado e ás autonomías a definir o concepto de "consumidor vulnerable" e a reformar o actual sistema de bono social, incuíndo nel un "consumo mínimo vital en cómputo mensual" que variaría "en función do número dos membros do fogar e das estacións do ano, de forma que se fixen consumos mínimos diferentes en función da climatoloxía". Como referencia, a iniciativa chamaba a diferenciar "dous períodos anuais: de abril a setembro e de outubro a marzo".

Toda a oposición apoiou a iniciativa para impedir o corte do subministro a persoas con poucos recursos

Ademais, este plan elevaba as devanditas "treguas invernais" á categoría de lei. De ser aprobada, "as empresas subministradoras non poderán interromper o servizo de electricidade", pero tampouco o de "gas ou auga" por impagamento en familias cunha renda familiar baixa -os umbrais fixaríaos a Administración- ou cando exista un "informe do órgano competente en materia de servizos sociais". "Os servizos esenciais manterán a condición de esenciais, independentemente de se abonan as facturas ou non" e "isto non poderá ser motivo de corte no subministro", abondaba o texto.

Para a autora da proposta, a deputada Laia Ortiz (ICV), esta é unha cuestión de "sensibilidade e conciencia". Os últimos datos, relatou dende a tribuna do Congreso, falan xa dun nivel de pobreza enerxética por riba do 22% no Estado, "froito da caída de salarios e do aumento continuo dos prezos". "Non é unha ficción, son datos que están aí para seren observados e reaccionar", advertiu, ao tempo que instaba os membros do PP a "poñerse, por un momento, na situación" das familias que teñen que "decidir entre cear ou quentarse". Trátase, di, de "garantir o dereito á vida" nunha cuestión que non é de cartos, senón "de vontade". Esta lei, di, "non implicaría gasto orzamentario", senón que serían as propias compañías as que terían que asumir as medidas, toda vez que "son elas as que gañan millonarios beneficios por prestar un servizo esencial".

O PP "solidarízase" con quen sofre pobreza enerxética pero "non considera xustificada" unha lei para previla

Todos os grupos da oposición déronlle apoio á iniciativa xusto antes de que o PP chegase para mandar parar. Por boca do deputado Mario Francisco José Flores os conservadores aseguraron "solidarizarse" con "aquelas persoas que teñen dificultades para manter un fogar en condicións" por seren "vítimas da pobreza enerxética". Pero, dito isto, Flores advertiu de que o seu grupo non podía aceptar a proposta. "Parece que o Goberno non tomou medida ningunha" para "previr a pobreza enerxética", asegura, cando en realidade "compromiso e sensibilidade social non lle faltan a este goberno".

Entre acusacións ao PSOE por primar as enerxías renovables ou gobernar mentres os prezos da electricidade medraban con desmesura o deputado popular anunciou o seu veto á proposta. O Goberno de Mariano Rajoy, di, xa prepara un proxecto de lei para o sector eléctrico que "garante o subministro a menor custo" e "garante a protección do consumidor". "Poden estar tranquilos, porque a preocupación do Goberno para darlle solucións a calquera problema social é máis que patente", proclamou xusto antes de remachar que "non se considera xustificada a aprobación" da proposta.

Protesta veciñal en Vigo contra a suba da luz CC-BY-SA FAVEC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.