Case 5.000 comercios pecharon en Galicia dende 2009

Imaxe dun establecemento comercial galego © Xunta

Toda a poboación galega colle nas grandes superficies comerciais do país. Os 2,8 millóns de habitantes que viven en Galicia poderían entrar nos 43 centros comerciais que se estenden por todo o territorio e, cunha media de 2,8 persoas en cada un dos 997.538 metros cadrados que ocupan, non ficarían ninguén fóra. Esta enorme expansión deste tipo de negocios, que seguiron abrindo as portas mesmo nos anos máis duros da crise económica, produciuse en paralelo a unha importante contracción do comercio retallista. Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) que a Xunta dá por bos, dende 2009 e ata comezos de 2013 -último dato dispoñible- botaron o ferrollo 4.668 comercios en Galicia.

O Goberno galego ofrece esta información en resposta a unha pregunta parlamentaria do PSdeG, na que a Consellería de Economía traza un panorama que permite coñecer o importante peso do pequeno comercio na economía galega. Máis do 25% das empressas do país dedícanse ao comercio, un sector que supón o 13% do produto interior bruto e mantén "máis de 110.000 postos de traballo". Se ben antes de ofrecer os datos de peches o departamento que dirixe Francisco Conde se centra en destacar que nos últimos meses se están a "crear empresas" e se dá un "crecemento da cifra de emprendedores en Galicia", acto seguido debulla os case 5.000 cesamentos de actividade.

O peche de comercios cadrou no tempo coa expansión das grandes superficies comerciais

Dentro do período analizado o ano con máis peches foi o 2009, con 2.299 comercios que deixaron de funcionar. Ao longo de 2010 rexistráronse 1.420 peches e en 2011 a cifra quedou en 631. O ano 2012 a cifra rebaixouse ata 318. Se a estes números se engaden os de 2008, o derradeiro gobernado integramente polo bipartito, o balance total é de 5.487 comercios pechados dende o inicio da crise económica, xusto nos anos nos que autoridades de diverso signo político apoiaron coa súa presenza o inicio da actividade de enormes centros comerciais, caso por exemplo da cidade da Coruña.

Sen gravame adicional para as grandes superficies

Este balance de pequenos comercios pechados chega nun ano no que o PP rexeitou en numerosas ocasións impoñer un imposto específico sobre as grandes superficies comerciais galegas. Fíxoo nos debates orzamentarios, no pleno de política xeral e, cando menos, por dúas veces no pleno ordinario, caso por exemplo do rexeitamento de senllas iniciativas de AGE e do BNG. A última ocasión na que se produciu este veto foi o pasado xuño, cando o Bloque defendeu unha proposición de lei para, entre outros aspectos, cobrarlles 30 euros por metro cadrado ás promotoras de centros cunha superficie de compra superior aos 2.500 metros, o que suporía arredor de 29 millóns de euros anuais para as arcas públicas.

O PP rexeitou no Parlamento en numerosas ocasións gravar as grandes superficies: "non é o momento", din

Ni os "cambios na ordenación urbana" e "nas relacións humanas", nin o "desprazamento masivo de vehículos" nin o impacto no pequeno comercio fixeron mudar de opinión o partido que sustenta o Goberno que, representado pola deputada Cristina Romero, considerou que "non é o momento de implantar este imposto económico" o que "non quere dicir que esteamos en contra", aseguraba. Pero na actual conxuntura económica, xustificou, "son máis beneficiosas ferramentas que inciten a consumir" e non "este tipo de medidas, que disuaden o consumo", argumentou.

Para os populares se hai algunha responsabilidade política na expansión dos centros comerciais esta é en exclusiva do Bloque, pola súa xestión na Consellería de Industria entre agosto de 2005 e abril de 2009. "Non podemos encher Galicia de grandes superficies e despois pretender que pechen e teñan un horario", sentenciou. Menos aínda, defendeu, se debería impoñer un novo gravame, tan "desproporcionado" que podería porovocar "a desaparición dalgún centro comercial".

Imaxe dun establecemento comercial galego © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.