Dous de cada tres galegos chegan con dificultades a fin de mes

Referencia á pobreza nunha imaxe de Castelao Dominio Público Castelao

A crise económica vai xa polo seu quinto ano e os seus efectos deixan pegada nas estatísticas de condicións de vida, por exemplo, na pubicada este mércores polo INE, que inclúe datos detallados da situación en Galicia. O 63 por cento dos galegos e das galegas chegan con “certa” ou “moita” dificultade a fin de mes, un punto máis que o pasado ano e tres puntos máis que en 2009. Galicia sitúase na mesma media que o conxunto de España. As persoas que afirman chegar con “moita”dificultade son xa o 13% (fronte ao 12,1% do 2011 e o 13,1% de 2009); as que declaran chegar “con dificultade” son xa o 17,9% (fronte ao 17,1% de 2011 e o 19,5% de 2009); as que recoñecen “certas” dificultades representan o 32,1% (unhas décimas menos que en 2011: 32,8%, pero catro puntos máis que en 2009: 27,8%).

A renda media por fogar en 2012 foi de 23.937 euros o pasado ano, lixeiramente por debaixo da media do Estado (23.972 euros)

A renda media por persoa situouse en Galicia en 2012 en 9.225 euros, cen euros por debaixo da media española (9.326 euros) e 300 euros menos dos datos rexistrados en 2010 (9.581 euros). A renda media por fogar en 2012 foi de 23.937 euros o pasado ano, lixeiramente por debaixo da media do Estado (23.972 euros). O dato está mesmo por debaixo do rexistrado en 2009, o primeiro en que a crise de deixou notar con forza.

A taxa de risco de pobreza en Galicia diminúe dous puntos con respecto ao pasado ano, pasando do 19,1 ao 16,8 por cento, e manténdose por debaixo da media española, inalterable no 22,2%. Galicia está moi lonxe das cifras de pobreza de Andalucía, Castela A Mancha, Estremadura ou Canarias neste concepto, no que todas estas rexións superan o 30% de cidadáns en risco de pobreza. A taxa de risco de pobreza ou exclusión social, segundo os criterios da estratexia Europa 2020, que toman en consideración as carencias materiais, e o nivel de desemprego ou o seu carácter precario, amosan unha foto fixa menos optimista para Galicia. Neste indicador a taxa chega en Galicia ao 23,2%, unhas décimas menos que en 2011 (23,9%) e algo por riba dos datos de 2009 (22,7%). Neste caso a media española está no 28,2% e crece medio punto con respecto ao ano pasado.

O 48,8% dos galegos e galegas non poden permitirse marchar de vacacións cando menos unha semana ao ano. Esta porcentaxe crece un punto con respecto ao ano pasado e é dous puntos superior á media do Estado

O 48,8% dos galegos e galegas non poden permitirse marchar de vacacións cando menos unha semana ao ano. Esta porcentaxe crece un punto con respecto ao ano pasado e é dous puntos superior á media do Estado. De igual xeito, o 35,2% dos galegos non poden permitirse afrontar gastos imprevistos, cinco puntos máis que o ano pasado, pero sete puntos menos que a media do Estado (42,1%). Tamén aumentan, aínda que seguen representando porcentaxes pequenas, a proporción de galegos e galegas que non poden permitirse manter a casa a unha temperatura axeitada (7% fronte ao 5,4% do pasado ano), a proporción de persoas que pagaron con atraso recibos e facturas relacionados coa súa vivenda (6% fronte ao 5% do 2011) ou os galegos que, necesitándoo, non poden permitirse merca run coche (5,1% fronte ao 3,3 de 2011) ou un ordenador (5,8% fronte ao 5,4% de 2011).

Hai unhas semanas Ángela Troitiño e Sebastian Villasante, profesores da Facultade de Económicas da USC e coordinadores dun número monográfico da Revista Galega de Economía centrado na Economía da desigualdade, sinalaban nunha entrevista en Praza que "a nova pobreza ten moito que ver co mal funcionamento do mercado do traballo: desemprego, salarios baixos, etc." e que "nun escenario de continuación de altas taxas de desemprego e salarios insuficientes, o máis probable é que a situación de desigualdade e pobreza se incremente e o benestar destas persoas se reduza notablemente". 

Tamén indicaban que en Galicia, o mapa da desigualdade e a pobreza se está modificando, de maneira que os maiores incrementos de pobreza se están a dar nas provincias atlánticas e non, como era tradicional, nas interiores. Estes resultados obedecen a que as áreas interiores, cunha poboación máis avellentada, teñen ingresos máis estables e igualitarios, mentres que as atlánticas, con maiores niveis de poboación en idade de traballar, presentan uns ingresos moito máis dependentes das flutuacións económicas.

 

Vivendas en propiedade

O 82,6% das galegas e galegos residen en vivendas da súa propiedade, un punto máis que o ano pasado (81,4%) e tres puntos por riba da media do Estado (79,2%)

A enquisa de condicións de vida inclúe tamén datos relativos ao réxime de vivendas en cada comunidade autónoma e ás súas características e eivas. O 82,6% das galegas e galegos residen en vivendas da súa propiedade, un punto máis que o ano pasado (81,4%) e tres puntos por riba da media do Estado (79,2%). Tan só Euskadi, Asturias e Cantabria superan a Galicia neste concepto. En consecuencia, Galicia é tamén un dos territorios nos que menos se aluga.

Referencia á pobreza nunha imaxe de Castelao Dominio Público Castelao

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.