Baixaron os impostos con Feijóo?

Núñez Feijóo, no Parlamento © Xoán Crespo

"A responsabilidade coa que se está xestionando permite dar continuidade á política de redución de impostos". O pasado mércores o servizo de comunicación da Xunta resumía deste xeito un treito da sesión de control ao presidente, na que Alberto Núñez Feijóo puxo o acento nas súas "rebaixas selectivas de impostos" e anunciou "novas reducións no imposto de sucesións e doazóns cando se trate de fincas rústicas". As rebaixas tributarias son, segundo o Executivo, un dos piares da súa política fiscal e orzamentaria, que neste 2014 vén ilustrada por unha gráfica frecha descendente acompañada da verba "impostos". Se ben é certo que o Goberno tocou á baixa determinados tributos non o é menos que, globalmente, as cifras din que a recadación por impostos subiu dende o retorno do PP a San Caetano.

Na presentación de cada Orzamento a Xunta presenta, como corresponde, unha estimación de gastos e ingresos, especificando que parte dos segundos corresponde a impostos. Unha ollada retrospectiva a estas cifras permite concluír que, lonxe de diminuír, entre as primeiras contas públicas de Feijóo, as de 2010, e as últimas ata o momento, as de 2014, existe un incremento da recadación tributaria de case un 55%, un montante no que, ademais, os impostos indirectos, que gravan a toda a poboación con independencia dos seus recursos económicos, preponderan nun 61% a respecto dos directos.

A recadación tributaria da Administración autonómica aumentou un 55% dende 2010

O único proxecto orzamentario de Feijóo no que a recadación tributaria caeu significativamente foi o primeiro, elaborado en plenas turbulencias financeiras a nivel estatal, europeo e case global. Daquela, a suma total de impostos chegaba situábase en 3.271 millóns de euros, mentres que o gabinete de PSdeG e BNG prevera un ano antes ingresar 3.916 millóns. No ano seguinte, 2011, a cifra xa medraba ata 4.814 millóns de euros e, despois dunha leve baixada ata os 4.426 en 2012, o ano 2013 chegou con 4.855 millóns de euros por recadación estimada de impostos. No próximo 2014 a previsión increméntase nun 4,4% ata chegar aos 5.070 millóns de euros.

Os impostos indirectos supoñen un 61% dos tributos da Xunta

Dentro dese montante global a achega máis cuantiosa é a correspondente ao imposto de valor engadido (IVE), que ascende a 1.834,2 millóns, seguida do IRPF, con 1.717,2 millóns. A continuación están os impostos especiais, que gravan o alcol ou os carburantes, cunha recadación prevista de 970,6 millóns de euros. Por riba dos 100 millóns de euros están tamén o imposto de sucesións e doazóns (173,07) e o de transmisións (138,5). En total, os impostos directos sumarán 1.937 millóns en 2014 e os indirectos, 3.133, segundo as previsións da Consellería de Facenda.

Previsión de ingresos tributarios da Xunta para 2014
DIRECTOS
IRPF 1.717,2
Sucesións e doazóns 173,07
Patrimonio 47,2
TOTAL DIRECTOS 1.937
INDIRECTOS
Transmisións 138,5
Actos xurídicos documentados 89,7
IVE 1.834,2
Impostos especiais 970,6
Xogo 58,4
Tributos propios da Xunta  
Bingo 1,7
Contaminación atmosférica 3,1
Danos dos encoros 14,2
Canon eólico 41,9
TOTAL INDIRECTOS 3.133

 

Feijóo, este mércores no Parlamento © Xoán Crespo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.